A Mesa pola Erradicación da Violencia de Xénero reunirase de novo en Silleda
A Mesa pola Erradicación da Violencia de Xénero do Concello de Silleda volve celebrar mañá unha nova sesión. A convocatoria está prevista para as 17.00 horas na sala de xuntas do consistorio e na orde do día figuran cuestións coma o balance e análise dos casos de violencia detectados no último ano ou a presentación dos novos membros deste órgano.
Así, na mesa que presidirá a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Pilar Peón, darase conta da incorporación de representantes de todos os centros de educación do municipio (ata agora só figuraba o IES Pintor Colmeiro).
Tamén se falará do orzamento para 2016 e do plan de actuación previsto de cara ao vindeiro ano.
Nesta entidade están representados ademais do Concello de Silleda (a través de Benestar Social e Igualdade e o CIM) ; as forzas da orde (Garda Civil e Policía Local); a subdelegación do Goberno, coa presenza da xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller, Paz Pérez; a comunidade educativa e tamén membros do Centro de Saúde.
Lemas para o 25-N
Por outra banda comezaron a colocarse tanto nos locais municipais coma nos comercios e establecementos hostaleiros carteis cos tres lemas elixidos este ano dende o Concello de Silleda para conmemorar o vindeiro 25-N.
Hai tres lemas diferentes: Eu escollo unha vida sen violencia; Eu comprométome. Todos contra a violencia de xénero; e Ti podes ser as voces de outras. Maniféstate contra a violencia de xénero.
Con esta campaña buscase sensibilizar á poboación e sobre todo visibilizar un problema que afecta a toda a sociedade.











