A Feira Internacional de Galicia ABANCA acolle unha gran quedada-exhibición de motor con 54 coches de Galicia e Portugal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

A Feira Internacional de Galicia ABANCA acolle mañá unha gran quedada-exhibición de motor na que están inscritos 54 coches tanto de competición como preparados para demostracións.

Este evento converterase nun punto de encontro tanto para os pilotos inscritos, a maioría ao mando de coches BMW, como para os afeccionados ao mundo do motor que acudan como público. Estes últimos poderán desfrutar dun vistoso espectáculo protagonizado por vehículos de gran cilindrada, nalgúns casos con cerca de 1.000 cabalos, os cales realizarán ginkanas, derrapes ou queimadas de roda, entre outras demostracións.

Entre os inscritos, procedentes das catro provincias galegas e de Portugal,  figura o coñecido piloto ourensá de rallyes Rodrigo Caixas, quen estará acompañado polo seu equipo. 

Ademais das exhibicións dos participantes, a quedada tamén contará cunha exposición na que o público poderá ver algúns vistosos vehículos. 

Entrada e horarios

A quedada-exhibición comezará en torno ás once da mañá e rematará de madrugada, sobre as 03:00h. As demostracións serán continuadas ao longo das aproximadamente 16 horas que durará o evento, tamén a mediodía. 

O prezo da entrada para o público será módico, de 3€, e o evento terá lugar igualmente aínda que o tempo non acompañe. Os asistentes contarán con servizo de restauración no pavillón 7 do recinto. 

Segundo os seus organizadores, esta cita, que se celebra por primeira vez na comarca do Deza pero xa conta con experiencias noutras zonas de Galicia, pretende seguir levándose a cabo no recinto se a experiencia é positiva en canto a afluencia de público.

 

20 de novembro de 2015 | 11:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.