A brigada de obras continúa mellorando a accesibilidade de Riveira coa rebaixa dun paseo de peóns en García Bayón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+
Traballos de rebaixe

Traballos de rebaixe

A Brigada Municipal de Obras continúa acometendo actuacións dirixidas a mellorar a accesibilidade no concello riveirense. Se a pasada semana actuouse na rúa das Laxes co fin de eliminar un escalón que dificultaba o tránsito das persoas con mobilidade reducida e construír no seu lugar unha rampa de granito, nesta ocasión estase a traballar nas inmediacións do parque García Bayón.

Neste senso, operarios municipais están procedendo a rebaixar as beirarrúas á altura do paso de peóns que une este parque co porto da cidade. Está previsto que estes traballos rematen mañá, sempre que o tempo o permita.

Plan de accesibilidade

Por outra parte, cómpre lembrar que no ánimo de avanzar na accesibilidade do municipio estase a traballar nun ambicioso Plan Municipal de Accesibilidade Universal (o primeiro da comarca) que ten por obxectivo avaliar o estado actual e definir as actuacións necesarias para que espazos e edificios públicos, transportes e servizos da administración estean adaptados ás necesidades das persoas con diversidade funcional. 

A empresa TCU, S.L. é a encargada de redactar este traballo, que está previsto finalizar a principios do vindeiro ano.

18 de novembro de 2015 | 12:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.