Unha empresa mixta será a opción más factible para a xestión da nova lonxa de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O alcalde de Riveira, Manuel Ruiz, mantivo na mañá de hoxe unha reunión con representantes do sector do mar do municipio na que, á vista do seu encontro do pasado xoves co presidente de Portos, lles trasladou a necesidade de unirse á hora de acometer a xestión da nova lonxa.

Neste senso, no transcurso da reunión constatouse que é unha preocupación compartida tanto polo rexedor como polo propio sector a de que un posible cambio de xestión sobre o modelo tradicional poida supoñer a perda de postos de traballo e, con tal motivo, subraiouse a conveniencia de avanzar cara un modelo de xestión na que estean representados os distintos colectivos que integran o sector do mar de Riveira e o propio Concello: modelo que se traduciría na constitución dunha empresa mixta.

Con este fin, o próximo paso a dar consiste no estudo das características que debe ter esta empresa para que poida xestionar a lonxa e o papel que debe desempeñar cada parte integrante, algo para o cal é preciso coñecer en primeiro lugar a posición de Portos de Galicia e da Consellería do Mar a este respecto. 

Reunión coa conselleira

O alcalde xa fixo xestións para que esta mesma semana se poida reunir coa conselleira Rosa Quintana e cos responsables de Portos para abordar este tema. A intención é poder avanzar a semana próxima as características que debe revestir a empresa mixta e a participación de cada colectivo.

19 de outubro de 2015 | 22:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.