Silleda apela á colaboración cidadá ante a situación humanitaria do Sáhara

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+
Reunión SOS Sahara

Reunión SOS Sahara

O Concello de Silleda apela á colaboración cidadá ante a situación de emerxencia humanitaria que están a vivir os refugiados do Sáhara Occidental, onde as choivas dos días 17 e 18 deste mes de outubro devastaron os  campamentos existentes.

Segundo as primeiras estimacións, as precipitacións provocaron o derrube de 1.350 tendas e vivendas, de xeito parcial ou total nos campamentos de refuxiados de Auserd, El Aaaiún, Smara e Bojador. Nos días posteriores as choivas que deron en graves riadas tamén provocaron o derrube de 1.200 tendas e casas na Wilaya de Dajla.

“A situación é de máxima emerxencia”, explica Pablo Romeo, delegado de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps), na comarca do Deza que hoxe mantivo un encontro no Concello de Silleda co alcalde, Manuel Cuiña e as concelleiras Pilar Peón, María José Fernández e Ana Luisa González.

Entre os edificios devastados tamén figuran entidades de servizos sociais, colexios e hospitais.

Pablo Romeo expuxo aos representantes municipais a difícil situación que están a atravesar os refuxiados saharauis. Así, o campamento de Dajla, foi declarado pola Media Luna Roja Saharaui como zona en situación de catástrofe humanitaria, con miles de nenos, mulleres e anciáns durmindo á intemperie e en condicións de extrema necesidade.

Dende a Media Luna e a través de Sogaps habilitouse un número de conta no que facer doazóns para afrontar as necesidades máis urxentes (auga potable, alimentos, mantas…),. O número de conta é o ES51 2080 5409 11 3040113236 (Abanca). “Tamén se destruiron edificios onde estaban os alimentos para repartir co que a situación é moito peor”, explica Pablo Romeo. Segundo ACNUR a situación afecta a 25.000 persoas.

O alcalde, Manuel Cuiña, xunto coas concelleiras, tras coñecer esta situación de máxima emerxencia, puxéronse a disposición de Sogaps para colaborar no que sexa preciso.

“Dende o Concello de Silleda vimos colaborando con esta asociación desde múltiples frentes coma o Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui, entre outras, e continuaremos ofrecéndolles o noso apoio”, indica Cuiña, que fai un chamamento á cidadanía para axudar “ a estes milleiros de persoas que levan moitos anos vivindo como refuxiados e aos que tampouco podemos esquecer”, indica.

Actividade solidaria

Ademais deste chamamento, dende o Concello xa se propuxo a Sogaps a posibilidade de organizar en vindeiras datas unha gala ou certame “para continuar axudando na recuperación dos campamentos”, sinala o alcalde Manuel Cuiña.

 

28 de outubro de 2015 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.