publicidade hoxe

Os socialistas piden a Mosquera que explique no Parlamento se se cumpre a lei no caso de Andrea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNoiaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O PSdeG rexistrou a solicitude de comparecencia ante o Parlamento da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, para que explique se se está a cumprir a Lei de Dereitos e Garantías dos Enfermos Terminais, aprobada por unanimidade hai tres meses, no caso de Andrea, a nena cunha enfermidade dexenerativa e irreversible para a que os seus pais piden unha morte digna, e demandou tamén que se pronuncie a valedora do pobo.

En rolda de prensa, a voceiro de Sanidade do PSdeG, Carmen Acuña, dixo que a lei autonómica “é moi clara, non necesita interpretala un xuíz”. “Simplemente necesita ser lida e ser cumprida”, proclamou acerca do anuncio do xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Luis Verde, de que se puxo en coñecemento do xulgado “a situación actual” de Andrea para ver “se referenda continuar co plan terapéutico que autorizou en xullo ou levar a cabo algunha a súa modificación”.

“Sospeitamos que este caso ao mellor non é o único e está a pasar a máis persoas”, alertou Acuña, quen recordou que o comité de ética asistencial da área sanitaria de Santiago “solicita mesmo que se interrompa unha alimentación por sonda que recibe a nena”.

“Se esa nena está en situación terminal e irreversible, tal e como parece que confirma o informe do comité de ética asistencial, que parece que aconsella interromper a alimentación por sonda, ningún servizo de pediatría nin ningunha xerencia pode prolongar esa situación sen ter uns datos de que ese tratamento vai servir para curar, senón que ten que prestar a asistencia que necesita, que é unha sedación paliativa”, afirmou Acuña.

DIFERENZAS COA EUTANASIA

Así mesmo, tamén se referiu a que a lei recolle “moi claramente” infraccións e sancións, co que apelou á Consellería de Sanidade para que “investigue” se se cumpre ou non o marco legal vixente e aplicar as sancións oportunas. “Aínda que dubido moito que a conselleira estea disposta a facer isto. Despois do que contou onte, ou non se decata ou non se quere decatar, porque falou de eutanasia activa”, lamentou.

Na súa opinión, o caso do tetrapléxico galego Ramón Sampedro “era eutanasia”, pero no caso de Andrea “é que a súa enfermidade xa non lle permite vivir”. “Isto non é eutanasia, é morte digna”, proclamou Acuña e recordou o compromiso do PSOE de abordar este debate en caso de chegar ao Goberno central nas próximas eleccións. A solicitude de comparecencia parlamentaria de Mosquera está asinada polos 18 deputados socialistas.

1 de outubro de 2015 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.