O roteiro da Saleta congrega a 200 persoas en Silleda este domingo
O roteiro da Saleta, que pecha este domingo día 11 o programa de Sendeiros Rías Baixas, da Deputación de Pontevedra, conta con 201 persoas inscritas, todo un récord de participación.
O roteiro sairá ás 09.30 horas do Parque Municipal das Pedrosas, onde o Concello de Silleda, a través do departamento de Turismo, entregará aos participantes material divulgativo sobre este ruta e outros recursos do municipio.
As persoas que queiran participar aínda se poden anotar na propia carballeira antes da saída.
As persoas que acudan en coche (sairán ademais tres autobuses dente Vigo, Pontevedra e Vilagarcía) deben de aparcar na parte traseira do ambulatorio.
O percorrido, duns 14 kilómetros, cunha duración estimada de 4 horas e media, discorrerá todo o tempo polo Camiño Mozárabe. O primeiro destino será a parroquia de Taboada, visitando a igrexa románica de Santiago de Taboada e a ponte medieval de Taboada, cunha pequena parada na explanada do pazo de Transfontao.
Dende a ponte de Taboada, o percorrido continuará cara a Cortegada. En Camporrapado haberá outra parada á beira da capela dos Aflixidos, un fermoso exemplo de arquitectura rural. Alí haberá unha breve explicación sobre este tempo, a casa natal de Antón Alonso Ríos e a antiga feira.
Tamén en Camporrapado estará a zona de avituallamento para os participantes. Alí estarán tamén os equipos de emerxencia (ambulancias) nesta ruta, que tamén contará co apoio da Policia Local de Silleda para atravesar a N-525 (xunto á igrexa de Taboada) e a PO-211, xa en Siador.
Dende Camporrapado a ruta continuará polo lugar de Barral cara a Covas para chegar xa a O Marco, en Siador, e finalmente ao entorno do Santuario da Saleta, onde tamén haberá un fin de festa final con apertura da igrexa e da tenda saletina.
Tamén haberá servizo de autobús para o regreso ata As Pedrosas.
Os participantes estarán acompañados por 6 monitores da Deputación, que promove rutas de sendeirismo na provincia a través do programa Rías Baixas, e un técnico do Concello de Silleda.
Igrexas, pazos, casonas… forman parte do patrimonio artístico polo que discorre o roteiro da Saleta, co que Silleda continúa a promocionar os seus recursos turísticos.











