O programa Avelaíña ponse en marcha con actividades para o público infantil e as familias de Silleda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

O Concello de Silleda, a través do departamento municipal de Cultura, vén de poñer en marcha o programa Avelaíña dirixido ao público infantil, preferentemente de 0 a 5 anos. Esta iniciativa estruturarase en varias áreas, con programación en Silleda, coa Casa da Xuventude como base, e na Bandeira, onde mañá pola tarde abre as súas portas o Centro Lúdico Infantil, na primeira planta do Centro Cultural Vista Alegre.

En ámbolos dous centros crearase un espazo infantil con actividades para os máis cativos de forma periódica.

Avelaíña tamén contar cunha área específica para os país e nais, con charlas e outras actividades relacionadas coa crianza dos nenos (saúde, educación, nutrición…).

Nos últimos anos, as vilas de Bandeira e Silleda  viron ampliado o número de nacementos. É por isto, polo que os nenos e nenas que non superan os dous anos, supoñen unha ata porcentaxe na franxa de idade infantil.

Con este programa ofrécese ás familias un lugar onde os nenos e nenas poidan interrelacionar entre sí, ofrecéndolle un espazo adecuado e dotado cos elementos necesarios para o seu desenvolvemento psicolóxico e social.

Esta necesidade na vila de Silleda está xa cuberta coa existencia da Casa da Xuventude, e das distintas aulas e posibilidades que ofrecen estas instalacións, destacando a zona de ludoteca dotada con xogos, libros e demais elementos. Na vila da Bandeira, tamén cun repunte de natalidade nos últimos anos, o centro que se estrea mañá estará aberto para que acudan as familias polas tardes, no horario habitual do Centro Vista Alegre (de 16.00 a 22.00 horas).

“Nos vindeiros meses iremos incorporando novidades a este programa que ten varias áreas de actuación e que consideramos que se presenta como un bo e necesario servizo para as familias con nenos en idade prescolar”, explica a concelleira de Cultura, María José Fernández.

O programa Avelaíña presentase como unha alternativa ao tempo de ocio, sobre todo durante os meses de outono e inverno, cando a climatoloxía impide un maior uso de espazos infantis ao aire libre nos parques. 

27 de outubro de 2015 | 20:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.