publicidade hoxe

O presidente da Xunta fía o caso de Andrea ao que dite a Xustiza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNoiaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non formará parte de ningún “debate político” aberto “a partir dunha situación dramática” como a de Andrea, a nena de 12 anos cunha enfermidade dexenerativa e irreversible para a cal os seus pais piden unha morte digna, e afeou a actitude do secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez. Ao tempo, avalou a xestión do equipo médico e ratificou que se actuará conforme ao que dite a Xustiza.

“Permítanme que eu non forme parte dun debate político a partir dunha situación dramática, quen queira, que o faga. Non conten comigo para discutir cunha persoa que me dá a sensación de que se acaba de decatar de que Andrea existe uns minutos antes de entrar nunha radio”, advertiu Feijóo, preguntado sobre o posicionamento de Sánchez, quen pediu á Xunta que acepte a petición da familia e se mostrou partidario de debater sobre a eutanasia.

Tras a reunión semanal do seu Executivo, cuestionado acerca de se el sería favorable a regular a eutanasia, Feijóo opúxose a iniciar un debate político “cun secretario xeral que descoñece a historia clínica de Andrea, as condicións médicas e que o equipo médico – ao que avalou – actuou baseándose nun auto xudicial de xullo” que referenda o plan terapéutico aplicado.

Feijóo pediu “respecto” para a intimidade da menor, para a súa familia, para o equipo médico e para “o cumprimento das leis”.

Tamén ratificou, como xa avanzara o xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Luis Verde, que “na mañá” deste xoves se volveu pedir ao xulgado un pronunciamento sobre o caso, despois de que en agosto entrase en vigor a lei de morte digna.

1 de outubro de 2015 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.