O pai de Andrea pide que se deixe traballar ao xuíz tras solicitar a retirada do soporte vital
Antonio Lago, o pai de Andrea, a nena de 12 anos cunha enfermidade dexenerativa e irreversible, avogou este luns por “deixar traballar ao xuíz” que se fixo cargo do caso desta pequena para a que os seus proxenitores piden unha morte digna. En declaracións aos medios á súa chegada aos xulgados de Santiago, sobre as 12.20 horas, acompañado dun avogado, Antonio Lago manifestou unicamente: “Imos deixar traballar ao xuíz”.
Tras unhas “grazas” aos xornalistas e indicar que chegaban “tarde”, o pai da menor ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) accedeu co letrado ao edificio xudicial. Os pais da nena foran citados ás 12.30 horas deste luns polo xuíz de Primeira Instancia número 6 de Santiago, Roberto Soto, por mor de que o CHUS solicitase ao xulgado que se pronuncie sobre o plan terapéutico de Andrea e de que os seus pais expuxesen o pasado venres unha “solicitude de xurisdición voluntaria en materia de familia” para que lle sexa retirado o soporte vital polo cal recibe líquidos e nutrientes no estómago.