O Concello de Silleda arranxa a avaría do alumeado que afectaba dende hai varios días á recta de Taboada

Arranxo dos problemas de alumeado
Os operarios municipais do departamento de Servizos de Silleda localizaron hoxe o fallo que afectou durante varios días ao alumeado público da recta da parroquia de Taboada, en plena estrada N-525.
Logo de realizar distintas comprobacións, para dar co fallo eléctrico, os operarios do Concello localizaron a avaría nun dos puntos do tramo, onde os roedores rillaron varios cables co que se producían continuos cortes nos térmicos.
Os operarios iniciaron xa os arranxos pertinentes para solventar este problema que viña repetíndose con frecuencia.











