O alcalde de Silleda convoca a Mesa de Persoal e aos grupos da oposición para deseñar o orzamento municipal de 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

O alcalde de Silleda e responsable do departamento de Facenda, Manuel Cuiña Fernández, vén de convocar para o vindeiro luns dúas xuntanzas de cara á elaboración dos orzamentos municipais de 2016.

A primeira convocatoria será coa Mesa de Persoal (ás 10.00 horas) para expoñer os aspectos máis salientables do capítulo de Persoal nos orzamentos e abordar as diferentes suxerencias e propostas que poidan xurdir. A Mesa de Persoal está conformada polo Comité de Empresa que representa aos traballadores municipais e os sindicatos máis representativos.

Para as 12.00 horas está convocada unha comisión informativa cos representantes de todos os grupos municipais da Corporación. Nesta sesión o alcalde exporá os grupos a planificación prevista, “ao tempo que recolleremos suxerencias e propostas para debatir sobre as obras e actuacións a incluir no capítulo de Inversións”, engade Cuiña.

Dado que se trata dunha comisión de carácter informal, á xuntanza poden acudir todos os membros da Corporación, non só os que integran as comisión.

As previsións do goberno municipal silledense pasan por aprobar inicialmente o orzamento

Cuiña lembra que o ano pasado xa se celebrou a Mesa de Persoal para presentar aos representantes dos traballadores o borrador dos orzamentos deste ano, nos que xa se incluiu unha partida para elaborar a Relación de Postos de Traballo (RPT).

O alcalde lembra que tamén para a elaboración dos orzamentos do presente exercicio se solicitaron propostas aos dous grupos da oposición.

“Tal e como dixen na sesión de investidura o pasado mes de xuño, pretendemos abrir o deseño do orzamento municipal a todos os grupos, aínda que este goberno teña a responsabilidade de elaboralo”, engade Cuiña.

Tamén incide en que “un ano máis volveremos a batir récords ao presentar o orzamento municipal en tempo e forma, ao igual que no tocante ás contas que continúan mellorando grazas á xestión que realizamos nos últimos anos”, engade.

22 de outubro de 2015 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.