Medio Ambiente rexistra 31 avisos para a recollida de plásticos agrícolas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

O Concello de Silleda, a través da Concellería de Medio Ambiente, pon en marcha unha nova fase do programa de Recollida de Plásticos Agrícolas de Silos e Invernadoiros.

Nesta fase recolléronse un total de 31 avisos en distintas parroquias, a maioría delas na zona sur do municipio, onde se concentra gran parte da actividade agrogandeira.

Unha vez ordenada a relación de solicitudes,  a empresa procederá á recollida dos plásticos nas xornadas do vindeiro martes día 20 e mércores 21. 

Dende o departamento municipal lémbrase que os usuarios deben de doblar e empacar os plásticos da mellor maneira posible, eliminando suciedade e evitando que conteñan outras materias impropias que poidan dificultar as tarefas de reciclaxe. 
Esta será a segunda fase de recollida deste ano 2015. Na primeira, realizada durante o mes de xuño, recolléronse un total de 30 avisos procedentes de distintos puntos do rural. Ata entón a recollida realizábase de forma permanente agardando a xuntar varias peticións para proceder á retirada. “Por operatividade e para concentrar esta recollida, sen custes para o Concello nin os usuarios, decidiuse voltar ás recollidas programadas”, explica o concelleiro Klaus Brey. Así, e tendo en conta peticións anteriores, dende finais de 2014 e no que vai de ano atendéronse un toal de 60 solicitudes.
Dende o ano 2008
O programa de recollida de plásticos agrícolas porta a porta iniciouse en febreiro de 2008, obtendo uns resultados excelentes a xulgar tanto polas solicitudes rexistradas como pola cantidade recollida. 
Foi unha medida de gran acollida vecinal, evitando a acumulación duns plásticos que tardarían uns 500 anos en degradarse de non reciclarse de forma correcta, ademais de evitar o impacto visual.

A Concellería de Medio Ambiente agradece a colaboración dos usuarios con este servizo, que dende o ano 2013 se realiza sen custes para o Concello, froito dun acordo coa empresa autorizada que realiza a recollida.

16 de outubro de 2015 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.