Medio Ambiente colabora na eliminación de especies exóticas invasoras na illa de Sálvora
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación, colabora nunha actividade para a eliminación de especies invasoras na Illa de Sálvora. Durante a tarde do venres, o sábado e o domingo os voluntarios limparán este zona para poñer en valor a importancia ecolóxica deste illote que pertence ao Parque Nacional de Illas Atlánticas.
O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia é un espazo natural cun importante valor para a conservación da biodiversidade, tanto polos ecosistemas acuáticos como polos terrestres, que esixe a necesidade imperiosa de traballar a prol da súa conservación.
As especies exóticas invasoras (EEI) son a segunda causa de extinción de biodiversidade no planeta, porén esta ameaza chega a ser a principal causante da perda de especies nas illas. Nestes ecosistemas tan singulares, a introdución de especies exóticas invasoras é moito máis daniña, polo tanto a súa eliminación e control tamén é moi importante. O Parque Nacional galego posúe lamentablemente diversas especies invasoras tanto de flora como de fauna, que levaron a desenvolver ao longo dos anos programas e investigacións centradas no seu control.
Para esta actividade, o voluntariado recibirá unha pequena introdución á problemática ambiental sobre as especies invasoras e a continuación iniciarán o traballo de campo con ferramenta apropiada para o desenvolvemento dos labores.
Os participantes nestas accións tamén participarán en actividades complementarias, como os roteiros pola illa ou a observación de aves e cetáceos. O voluntariado contará con seguro de accidentes, terán cubertos os gastos da comida e transporte en barco ata a illa e durmirán na illa, polo que é necesario levar saco de durmir.
Esta actuación organizada por Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia) conta coa colaboración do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Fundación Biodiversidade.











