Feijóo asegura que a iluminación da ponte sobre a ría de Noia faina máis útil e reforza a súa condición de emblema
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que a iluminación da ponte sobre a ría de Noia, que estreou esta tarde, faina máis útil para a cidadanía e reforza a súa condición de emblema “a 25 minutos da Catedral de Santiago”. Grazas ao novo sistema de luces, que dá resposta á demanda dos veciños, poderase transitar por ela nas máximas condicións de seguridade e comodidade, tanto de día como de noite.
“Os galegos somos capaces de converter as infraestruturas máis necesarias nun emblema da nosa paisaxe”, afirmou o presidente, para quen esta ponte fai “máis patente aínda” a determinación do país por coidar o seu territorio. Neste sentido, o Goberno galego aposta polas infraestruturas que se integran harmoniosamente na paisaxe, como tamén se esforza para adecuar as construcións ás características do contorno, tal e como se recolle na Lei do Solo, que foi remitida ao Parlamento hai unhas semanas.
Tanto a ponte sobre a ría como a Variante de Noia son infraestruturas que gozaron de prioridade nos orzamentos da Xunta, mesmo en época de crise. A este respecto, o presidente galego lembrou que “a sensibilidade do Goberno con Noia e con este ría mídese nos momentos de maior dificultade”, cun investimento total de 250 millóns de euros, 50 deles para a ponte. Grazas a esta achega, logrouse vertebrar unha franxa do litoral galego na que residen case 25.000 persoas e reforzar a competitividade de comarca e o seu atractivo turístico, desconxestionando o tráfico de Noia cara a Santiago e cara a Porto do Son. Isto supuxo un beneficio para os condutores dos 6.000 coches que transitan pola zona cada día, cifra que aumenta nas xornadas de verán.
Un gran desafío técnico con pouco impacto na pesca
A ponte supuxo un duplo desafío: por unha banda, o reto técnico de construír a ponte atirantada máis longa de Galicia, que se estende ao longo de 1,7 quilómetros; pola outra, o desafío de non afectar sobre os recursos pesqueiros, dos que dependen tantas familias da comarca. Ambos os dous foron superados.
O novo sistema de luces, para o que a Xunta contou coa implicación de Gas Natural Fenosa, separa de xeito máis claro a zona reservada para os peóns dos carrís para vehículos. Ademais, a escolla de focos led para iluminar a ponte minimiza a contaminación lumínica, evita deslumbramentos aos condutores e aforra enerxía, pois os 546 focos que se instalaron só consumen en conxunto 0,8 kW, menos do que pode consumir unha prancha. Neste sistema lumínico investíronse 90.000 euros.
“Con esta ponte xa forma parte do pasado a vella discusión entre o progreso e as raíces dun pobo”, concluíu Feijóo.