Cuiña visita á exposición do artista silledense José Antonio Fondevila en Segovia
O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña Fernández, acompañará este domingo día 11 ao artista José Antonio Fondevila á visita á mostra que autor ten dende o pasado día 25 en Segovia. A mostra, que se vén a sumar á longa lista de exposicións que atesoura o artista silledense, está instalada na sala do Teatro Juan Bravo de Segovia, con preto de 30 obras, tanto de pintura como de escultura, de tres series diferentes.
Así, nesta exposición de Fondevila figuran obras de Capítulos vivenciais, -coa intención de visualizar situacións, tramistir sentimentos e emocións-, de Cuarta dimensión, unha reflexión sobre o tempo filosófico, e tamén da serie Ideas Cúbicas, onde se representa o espazo baleiro , que se enche cos elementos xurdidos da imaxinación.
En palabras do autor, “o contido da exposición pode resumirse como concepto existencial no espacio e no tempo”.
O alcalde silledense destaca o “orgullo que supón para Silleda contar con artistas como Fondevila que seguen a levar o nome do noso pobo polo mundo adiante”, engade destacando a valia do autor “como artista e como persoa, sendo ademais a día de hoxe o artista silledense con maior proxección”, engade.











