Cuiña lamenta que o goberno de Feijóo continúe coa “discriminación de Silleda”
O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, lamenta que nos orzamentos autonómicos que foron presentados no Parlamento, a Xunta “volva a esquecerse, un ano máis do municipio de Silleda, cunha proposta que recolle inversións pírricas para a comarca e que deixa ao noso municipio de novo sen actuacións moi necesarias”, explica.
Así, Manuel Cuiña lembra que Medio Rural ten dende hai tempo pendentes procesos como a concentración parcelaria en Oleiros ou a reconcentración de Graba. “É lamentable que nalgúns lugares do noso rural existan aínda pistas que están nas mesmas condicións que hai 50 ou 60 anos, con dimensións moito máis reducidas que a maquinaria agrícola actual”, explica.
No tocante ás infraestruturas viarias, Cuiña lembra que o Concello de Silleda solicitou a dotación de beirarrúas na carretera de O Castro, na PO-211, no primeiro tramo desta vía. “Unha obra máis que xustificada sobre todo tendo en conta que os veciños cederon terreos para ensanchar o vial no ano 98 a cambio de construir beirarrúas”, explica.
Así o alcalde explica que se pedirá autorización para realizar esta dotación “e seguramente, como Concello marxinado que somos, teremos que acabar facendo a obra dende o Concello”, afirma.
Outra das inversión pendentes “volve a ser un ano máis a mellora da PO-204, entre A Bandeira e Vila de Cruces, outra das estradas autonómicas que precisa algo máis ca un “simple bacheo”, sobre todo no primeiro tramo, entre Manduas e Campomarzo.
“É unha pena que non se contemplen fondos para acometer arranxos en condicións, vendo o estado no que están algunas vías autonómicas , que precisan de unha reparación en condicións”.
Centros educativos
Cuíña tamén recalca que nos orzamentos para 2016 as inversión nos centros educativos seguen sen figurar.
“Imos a seguir reclamando a mellora dos colexios, non só no tocante ao mantemento senon en canto as grandes inversión que se precisan e que corresponden, sobre todo cando contamos con centros moi antigos, caso do CEIP de Silleda, construido hai case 50 anos”, explica Cuiña.
O rexedor advirte que neste centro seguen pendentes o patio cuberto, as pasarelas, a renovación total da cuberta e das ventanas “Á vista da situación do centro e da súa antigüedade incluso merece ir pensando na construcción dun novo edificio ”.
“Queda claro outro ano máis que a Xunta non ten pensado facer a cuberta do patio do CEIP de Silleda, nin tampouco investir na mellora e arranxo de centros educativos”, engade e lembra que nos últimos anos noutros concellos veciños “sí se teñen feito grandes inversións e a construcción de novos centros educativos”.
Competencias impropias en Educación e Sanidade
Tamén recorda Cuiña que “seguimos sen saber se se farán cargo dos dous Centros de Saúde, e do mantemento dos centros educativos, dúas competencias impropias dos Concellos que no caso dos dous ambulatorios xa tiñan que estar asumidas dende o 1 de xaneiro de 2015”, lembra o alcalde.
“O Concello de Silleda terá que acabar indo aos tribunais para defender os intereses dos veciños e veciñas, porque en algún momento teremos que reclamar os cartos que se levan gastado no mantemento destes centros”, engade Cuiña.
“É lamentable ver cómo a uns municipios coma o noso se discriminan deste xeito”, di o alcalde, citando como exemplo “a visita a Vila de Cruces da conselleira de Medio Rural en días pasados “ofrecendo 400.000 euros de inversión cando en Silleda se paralizou de xeito discrecional a parcelaria nas parroquias que faltaba”, di.
Cánon da auga
Por último, Cuiña pregúntase “onde están os cartos do cánon da auga, que deberían de ser reinvertidos en novas instalación para Silleda”.











