Adxudicada unha nova vivenda cedida pola Sareb para alugueiro social en Silleda
A Xunta adxudica unha nova vivenda cedida pola SAREB para alugueiro social no Concello de Silleda. Esta adxudicación foi asinada pola conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e será entregada aos seus adxudicatarios esta semana. A conselleira asinou tamén a adxudicación directa de dúas vivendas de promoción pública propiedade do IGVS a familias en situación de emerxencia social.
A Xunta xa adxudicou vivendas en concellos como Vigo, O Porriño, Silleda, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Arteixo e O Barco de Valdeorras.
Dúas das vivendas foron adxudicadas en réxime de ocupación temporal, o que significa que os adxudicatarios non deberán pagar ningún alugueiro, dada a súa precariedade económica. No resto dos casos as vivendas adxudicáronse en réxime de alugueiro, con alugueiro mensual entre 45 e 100 euros mensuais.
A meirande parte destas vivendas da SAREB foron adxudicadas no marco do Programa de realoxo de afectados por execucións hipotecarias, no que tamén se adxudican vivendas de promoción pública propiedade do IGVS e vivendas do Programa Aluga, co compromiso de ofrecer vivenda a todos os afectados por execucións hipotecarias que o soliciten e cumpran os requisitos establecidos.
Bono de alugueiro social
A Xunta conta tamén cun programa destinado a evitar ou paliar os efectos dos desafiuzamentos por impagamento do alugueiro, que foi aprobado polo Consello da Xunta a comezos de agosto e publicado no Diario Oficial de Galicia o 28 do mesmo mes. Os interesados xa poden solicitar a axuda no IGVS.
O Bono de Alugueiro Social é unha das medidas incluídas no Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do pasado 12 de febreiro de 2015.
O obxectivo destas axudas autonómicas é atender, con carácter urxente, ás unidades de convivencia que precisen, por estar inmersas en situacións de especial dificultade, dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda, evitando desafiuzamento por impago das rendas da vivenda habitual ou paliando os seus efectos.
As axudas, cun importe de 150 euros mensuais, concédense por un período de ata 12 meses, que poderán prorrogarse, previa solicitude do interesado, por un período igual ao da concesión inicial ata un máximo de tres anos.
A maiores o programa contén unha axuda adicional de 450 euros para cubrir os gastos de formalización dun novo contrato de alugueiro ou, no caso de permanecer na mesma vivenda, para atender pagos pendentes
Poderán beneficiarse das axudas do Bono de Alugueiro Social as persoas afectadas por procedementos xudiciais de desafiuzamento por impago de rendas.
A convocatoria desta axuda en 2015 conta cun orzamento de 1,02 millóns de euros e o prazo de solicitude das mesmas está aberto ata o 30 de novembro de 2015.











