Advertencias en relación á instalación do novo alumeado exterior de Riveira
O Concello de Riveira advirte de que con motivo dos labores de substitución das antigas lámpadas de vapor de sodio por luminarias de tecnoloxía led en todo o termo municipal e as subsecuentes reformas a efectuar nas liñas de alimentación do alumeado público, é posible que nos próximos meses e mentres no culminen tales traballos se produzan cortes de luz nalgúns tramos: incidencias que serán solucionadas pola nova empresa concesionaria da iluminación pública exterior, Ferrovial, nas seguintes 24 horas.
A este respecto, cómpre lembrar en todo caso que existe unha sección para notificar incidencias denominado Avisaweb na páxina do Concello: www.riveira.es / www.riveira.gal.
Doutro lado, infórmase tamén de que os traballos de instalación das lámpadas led de aforro enerxético están centralizándose nunha primeira etapa nos núcleos de poboación para proceder a continuación a actuar entre núcleos: tramos estes últimos nos que as intensidades lumínicas serán adaptadas aos niveis recomendados pola normativa vixente en función do tipo de vía de que se trate.
Por último, está previsto ampliar as zonas con iluminación exterior, incluíndo lugares que carecen a día de hoxe deste servizo como por exemplo o novo parque de ocio de Punta do Castro en Castiñeiras ou a pasarela de Coroso.











