publicidade hoxe

A lei ampara a retirada do soporte alimenticio a Andrea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNoiaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O presidente da Comisión de Ética e Deontoloxía do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, Fernando Márquez, sostén que a Lei de Dereitos e Garantías dos Enfermos Terminais de Galicia, aprobada polo Parlamento galego o pasado mes de xuño, ampararía que o equipo médico que atende a Andrea, a nena de 12 anos cunha enfermidade dexenerativa irreversible, decidise retiralo o soporte mediante o cal é alimentada de forma artificial.

En declaracións, Fernando Márquez asegurou que o equipo médico de Pediatría do Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS) que atende á pequena “non quedaría desamparado legalmente” se opta por respectar a vontade dos seus pais e o ditame do comité de ética asistencial, que avalou a retirada do soporte vital que permite achegar líquidos e nutrientes directamente no estómago da nena.

Ao seu xuízo, a lei decántase máis na dirección de que se aceptase a retirada do soporte discretamente” e “permite unha saída razoable” para respectar a autonomía do paciente ou, neste caso, dos seus pais, como representantes legais. “Este non é un caso de eutanasia, é unha medida que ampara a lei galega”, apunta.

Por conseguinte, apostou por que se reconsidere a decisión e se acceda “nun tempo razoable” a limitar esa medida que dá soporte vital a Andrea. Na súa opinión, “en casos tan complexos e dramáticos xogan un papel as emocións e os valores” das distintas partes e mesmo “pode haber valores morais que pesan na decisión do equipo asistencial”, aínda que puntualizou que non pode afirmar que existan neste caso en concreto.

SISTEMA DE ARBITRAXE FRONTE A XULGADO

Así mesmo, o presidente da Comisión de Ética e Deontoloxía do Colexio Oficial de Médicos da Coruña cre que “non é habitual e non é idónea” a decisión do CHUS de poñer en coñecemento do xulgado a situación actual de Andrea para ver se referenda continuar co plan terapéutico que autorizou en xullo ou levar a cabo algunha modificación, posto que supón trasladar o problema a un sistema que non teñen os recursos” para avaliar unha decisión médica.

“A vía xudicial é unha vía penosa, longa e difícil, que non vai axudar a ninguén”, alerta. Por iso, aposta por que, unha vez que non existe acordo entre o equipo médico e a familia, se estableza un sistema de arbitraxe e mediación “que permitise pensar cunha perspectiva máis ampla”.

Neste caso, apunta, que ambas as dúas partes deberían comprometerse a respectar a súa decisión que se adopte nesta vía de mediación, fronte aos informes da comisión de ética asistencial, que non son vinculantes.

Para este labor, propón que sexa o Colexio de Médicos que a exerza e subliña que esta entidade estaría disposta a colaborar “na tarefa de buscar unha solución construtiva e beneficios para a pequena Andrea”. En calquera caso, indica que non está solicitada a intervención do Colexio de Médicos, pero apunta que se non chega a proposta, el o formulará.

1 de outubro de 2015 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.