A feira Stock-Car Galicia 2015 cambia de datas e pasará a celebrarse do 20 ao 22 de novembro
A feira Stock-Car Galicia 2015, prevista do 9 ao 12 de outubro na Feira Internacional de Galicia ABANCA, terá lugar finalmente do 20 ao 22 de novembro deste ano, debido á demanda expresada polo sector ao seu organizador, Sindo Alonso, respecto á súa data de celebración.
O certame manterá a súa formulación. Así, a súa ampla exposición, que se ubicará nos dous pavillóns principais do recinto, estará enfocada como unha gran área de compra-venda de vehículos de ocasión, seminovos e quilómetro 0.
Ademais de automóbiles de casas comercias, tamén sen carné, acollerá un mercado para particulares no que estes poderán poñer á venda o seu coche, previo pago pola súa participación. Así mesmo, estarán presentes na zona expositiva da feira outras entidades de servizos e empresas vinculadas co sector.
Por outra banda, a exposición da Stock-Car Galicia 2015 estará complementada por un programa de actividades paralelas relacionadas co mundo da automoción que incluirá, entre outras propostas que se están a definir, un parque de seguridade viaria, un circuíto de karts e exhibicións de pilotos.











