publicidade hoxe

A familia de Andrea pide no xulgado que lle retiren o soporte vital

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNoiaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

A familia de Andrea, a nena de 12 anos cunha enfermidade dexenerativa irreversible para a que os seus pais piden unha morte digna, presentou ante o xulgado unha “solicitude de xurisdición voluntaria en materia de familia”, coa finalidade de pedir que lle sexa retirado o soporte vital polo cal recibe líquidos e nutrientes no estómago, e agarda unha resolución “en sete ou dez días”.

O pai da pequena, Antonio Lago, compareceu esta tarde ás portas do hospital onde está ingresada Andrea acompañado do seu avogado, Sergio Campos, para explicar este paso xudicial, que se suma ao xa dado polo Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), que solicitou ao xulgado que se pronuncie sobre se os pediatras deben manter o actual plan terapéutico.

A solicitude de xurisdición voluntaria en materia de familia foi presentada ante o Xulgado de primeira instancia número 6 de Santiago de Compostela, o mesmo que leva o requirimento do CHUS, co que a familia prevé que se acumulen ambos os dous procesos e o xuíz emita unha resolución nun prazo non superior aos dez días.

En calquera caso, o xuíz Roberto Soto Soa xa visitou este venres á nena en presenza dos seus pais, xunto cun médico forense e a secretaria xudicial. Así mesmo, o maxistrado convocou as partes para o próximo luns, despois de que nun auto deste xoves pedise o historial clínico completo da pequena e un recoñecemento forense.

Preguntado polo feito de que a familia teña que recorrer á Xustiza a pesar de que estea en vigor a Lei de Dereitos e Garantías dos Enfermos Terminais de Galicia e de que o comité de ética asistencial ampare a postura da familia, o pai de Andrea respondeu: “Resúltame indignante que teñamos que chegar a esta situación”.

2 de outubro de 2015 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.