Rotundo éxito da 1ª Budiño Raid Terras do Louro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Foto de grupo dos premiados

Foto de grupo dos premiados

O pasado sábado día 12, a Asociación Deportiva A Forna, acollía a súa primeira edición da Budiño Raid, cun día estupendo en canto a climatoloxía refírese, para o desenvolvemento das distintas modalidades deportivas que comprendía esta proba.

O Budiño Raid daba a súa saída ás 09.00 h, con 65 equipos participantes dispostos a dalo todo nun trazado que discorreu polos Concellos de Porriño, Salceda de Caselas e Tui, dividido en 7 sectores e con transicións montadas no tres municipios. Isto levou un gran esforzo organizativo que sería imposible, sen a colaboración dos voluntarios da propia asociación deportiva organizadora, da Comunidade de Montes, ou de clubs deportivos como Budiñobike, Atletismo Porriño ou Escalada Pena Trevinca 

Ningún equipo foi capaz de realizar a totalidade do percorrido proposto, sinal da súa Dureza; no entanto, houbo relevantes diferenzas de puntos entre os primeiros clasificados, o que destaca tamén a importancia da estratexia neste tipo de carreiras. A pesar da dureza dalgunhas probas, afortunadamente non houbo contratempos nin lesión algunha, unicamente abandonaron dous equipos por problemas físicos anteriores á proba. 

Tanto en categoría elite como en aventura, os pódiums estiveron dominados polos equipos favoritos a facerse coa liga, xa que o Budiño Raid era tamén a 3ª proba puntuable do Campionato Galego; unha pena que a Asociación Deportiva A Forna non puidese participar, ao ser nesta ocasión os organizadores. 

Dado o esforzo que leva sumar a puntuación e tempo obtidos, xa que hai que descargar os sistemas de fichado de puntos, acaban de publicarse as clasificacións provisionais na web da Federación Galega de Orientación –FEGADO-, sobre as cales se poden facer consultas e alegacións durante unha semana, tras o estudo destas, exporanse as clasificacións definitivas. Entre tanto as provisionais son: 

Categoría Elite

1º.- Sport HG Coco, cun tempo total de 09:49:01 h e 126 puntos.

2º.- Gallaecia Tracktherace, cun tempo de 09:16:36 h e 110 puntos.

3º.- Adventure Addicts, cun tempo total de 10:22:32 h e 98 puntos.

Categoría Aventura

1º.- Marqués de Vizhoja‐Cornelios, cun tempo total de 09:47:31 h e 125 puntos.

2º.- SEO JOGAFAN, cun tempo total de 09:52:27 h e 119 puntos.

3º.- Fluvial Lugo ‐ Os Barbas, cun tempo total de 10:15:21 119 puntos. 

Categoría Orienta-Raid

1º.- Fran Morais Moreira, cun tempo de 04:52:51 h e 52 puntos.

2º.- Os Cocos, cun tempo de 6:10:26 h e 42 puntos.

3º.- Biciclu Cuñaos, cun tempo de 4:42:03 h e  40 puntos.

O tenente de alcalde de Porriño, Manuel Carreira, e a concelleira de Deportes do Concello de Salceda, Carla Mª Pérez, foron os representantes municipais que fixeron entrega dos trofeos, facéndose eco “da dificultade dalgunhas das súas probas, así como do desgaste físico que leva o tempo que transcorre desde o inicio até a chegada a meta”. Acompañoulles na entrega, o presidente da Asociación Cultural A Forna de Budiño, José Luís Martínez.

Os participantes mostráronse máis que satisfeitos cos trazados existentes para a orientación, así como pola beleza dos lugares polos que pasou o raid, descoñecidos e sorprendentes para moitos, aínda que todos coincidiron ao describir que “foi duro e longo, pero moi gratificante ao mesmo tempo”.

Son numerosas as felicitacións recibidas a través de diversos medios por parte de  participantes, colaboradores, patrocinadores ou os propios Concellos, polo que o próximo ano seguro que teremos unha segunda edición.

 

16 de setembro de 2015 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.