O Xuventude Galicia Net pecha tras 72 horas ininterrompidas como espazo de encontro para 800 afeccionados á informática e os videoxogos

Participantes no Xuventude Galicia Net
O Xuventude Galicia Net, que volveu a converterse nesta 15ª edición na maior party informática de Galicia, pecha esta noite as súas portas na Feira Internacional de Galicia ABANCA tras tres días nos que 800 participantes puideron desfrutar de forma ininterrompida dun posto con conexión de altas prestacións para o seu equipo informático, con dereito a acampar no interior do pavillón e a participar en numerosas actividades distintas.
Un espazo de encontro ao que os inscritos, procedentes na súa maioría de Galicia pero tamén de Asturias, País Vasco, Castela e León, Madrid, Valencia e Andalucía, xa comezaron a chegar o xoves no que foi a súa xornada non oficial e do que marcharán dende media tarde ata as 00.00h, cando o recinto pecha as portas.
Nestes días destacou no XGN unha intensa actividade que quedou patente en aspectos como o rexistro nalgún momento da party de 920 IPs conectadas ao mesmo tempo, unha cifra que ademais reflexa a capacidade coa que contaba cada un dos postos para empregar varios equipos e consolas á vez.
Tamén foi salientable o completo programa do XGN no que puideron participar os inscritos, con máis de 30 actividades distintas. Delas catorce foron torneos, nos que se repartiron premios valorados en máis de 3.600€. Os oficiais, centrados nos populares videoxogos League of Legends, Heartstone, Fifa 2015 e Counter Strike-Global Offensive (Cs Go) remataron esta mañá, cando tamén tivo lugar a súa entrega de premios, os “Abanca Gaming Award”.
Neste acto estivo presente a directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, quen entregou os Premios Xuventude aos gañadores do videoxogo League of Legends e fixo o propio cos Premios Abanca no Fifa 2015, os Premios Fundación Semana Verde de Galicia no Counter Strike-Global Offensive (Cs Go) e os Premios Coca-Cola no Heartstone.
O programa contou con outras competicións, as cales foron moi diversas, dende as centradas en seguridade informática, desactivación de bombas virtuais ou programación de robots ata as de preguntas e respostas sobre informática e videoxogos, lanzamento de disco duro, carreiras con ordenador, parecidos razoables, o xogo de naipes Kryneas Battlefield ou os videoxogos Street Fighter, Heroes of the Storm e Quake 3.
Aos torneos do XGN 2015 sumáronse moitas outras actividades, a inmensa maioría situadas na zona Extranet do evento, a cal foi de acceso libre. Estas foron unha área de videoxogos con consolas de última xeración, proxeccións, xogos de mesa, pistas de fútbol e baloncesto, futbolíns, mesas de ping-pong e de discos, simuladores de velocidade e de circuítos e unha pista de karting.
Destacou nestas propostas a conferencia do coach profesional de videoxogos David Alonso “Lozark” sobre distintos aspectos da súa profesión e o panorama actual dos e-sports. Nela, este galego de 23 anos, coach dos Giants Gaming, un equipo de deporte electrónico que se encontra ao primeiro nivel da liga europea do videoxogo League of Legends, destacou a rápida evolución que está a vivir o mundo dos videoxogos a nivel competitivo, tamén en España, e o feito de que a sociedade o empece a coñecer e a aceptar. Así mesmo explicou as súas funcións no equipo, co cal convive en Berlín na súa “gaming house”, que van dende a de manter a disciplina na rutina diaria ou a elección de personaxes no xogo ata a análise e corrección de erros ou o traballo psicolóxico cos xogadores. Ademais, detallou como son os seus días de traballo, nos cales adestran en equipo e de forma individual en torno a sete horas, ás que se suman reunións de grupo para analizar distintos aspectos do xogo e outras tarefas.
Boa resposta de participantes
A Fundación Semana Verde de Galicia amósase satisfeita pola boa resposta de participantes nesta edición da party, así como polo boa marcha xeral do evento e a positiva acollida da súa nova ubicación na Feira Internacional de Galicia ABANCA, sobre a que moitos participantes destacaron a súa comodidade pola amplitude de espazo dispoñible tanto para os postos como para a zona de acampada. Así mesmo, a entidade pensa xa na posibilidade de volver a acoller o XGN 2016 e como melloralo, especialmente en canto á conectividade.
Este rexurdir do XGN no recinto feiral contou co respaldo da Consellería de Traballo e Benestar, a colaboración do Concello de Silleda e Coca-Cola e o apoio das entidades implicadas de forma permanente na actividade da Fundación Semana Verde de Galicia, como son a Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Abanca











