publicidade hoxe

O Velódromo Municipal do Porriño vibrou coa destreza dos pilotos do Dirt-Track

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Proba de Dirt Track

Proba de Dirt Track

A carreira nocturna celebrada o pasado sábado 12, no Velódromo Municipal de Porriño, acolleu a preto de 2000 espectadores, un público entregado que se mostrou totalmente atento ás indicacións dos speaker, o canario Ricardo Zerené e Marcos Rodríguez, que animaron e dirixiron este evento como só eles podían facelo.

Porque ademais, a ocasión merecía todo o respecto e admiración do mundo, xa que a ausencia do piloto moañés Dani Rivas a esta edición estivo moi presente e, á vez, representada polo seu pai Willy Rivas que recibiu numerosas mostras de agarimo por toda a afección e organización presentes.

O Concello do Porriño estivo representado polo tenente de alcalde, Manuel Carreira e o concelleiro de Festexos e Cultura, Raúl Francés, que xunto ao Delegado Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, fixeron entrega dos trofeos aos tres finalistas do Dirt-Track. Tamén se fixo entrega dun trofeo ao homenaxeado Dani Rivas, en memoria á súa gran traxectoria no mundo do motociclismo e que recollía o seu pai visiblemente emocionado.

A proba transcorreu sen incidentes graves, exceptuando algunha que outra caída tan habitual entre os 21 pilotos chegados de distintos puntos da xeografía nacional, e que non supuxo maior problema grazas á boa actuación dos xuíces de pista, que mostraban as bandeiras de aviso de inmediato. O piloto local Marcos Agra, levou quizais a peor parte, ao padecer unha luxación de ombreiro, que volveu ao sitio ao instante, sen impedirlle que volvese retomar o control da súa motocicleta.

O público estivo moi entregado un ano máis, algo que forma parte da cultura deste deporte, quedando o pódium co piloto local Xacob Agra (O Porriño) en primeira posición, seguido de Juan Fernández Puga (A Coruña) en segundo lugar e ocupando a terceira posición, Ricardo Costas Pazo (Vigo).

O Motoclub Papaya, organizador desta proba deportiva e que xa alcanza a súa décimo terceira edición, valorou este evento moi positivamente dada a gran participación e implicación do público, recibindo felicitacións instantáneas e a posteriori, do bo nivel organizativo que velou en todo momento pola seguridade dos asistentes e participantes.

14 de setembro de 2015 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.