O velódromo do Porriño acollerá a XIII Dirt-Track homenaxe a Dani Rivas

Presentación da Dirt Track
Mañá sábado, 12 de setembro, o Velódromo Municipal de Porriño acollerá a XIII Dirt-Track a partir das 21:00 h, unha proba nocturna que presume de ser a única que se disputa en Galicia e xa consolidada no mundo do motociclismo.
Esta mañá tiña lugar a presentación desta proba deportiva no Concello do Porriño, coa presenza da alcaldesa, Eva García da Torre; o presidente e vicepresidente do Motoclub Papaya, Joaquín Agra e Julio Solleiro, respectivamente; e o piloto local, Xacob Agra e Marcos Agra.
O Dirt-Track é unha disciplina deportiva motociclista de velocidade importada nos anos 80 dos Estados Unidos e que se disputa en circuítos ou pistas pechados, ovalados e de terra ou cinza. As carreiras consisten na celebración de mangas eliminatorias de pouco voltas pero moi intensas nas que as motos non dispoñen de freo dianteiro, facendo que as derrapadas sexan espectaculares. Os pilotos máis rápidos van superando roldas até chegar á carreira final.
O Dirt Track comezou fai 13 anos facendo tributo ao piloto porriñés do Motoclub Papaya, Xacob Agra, que acumula numerosos galardóns e títulos a nivel nacional e internacional na disciplina de enduro; ademais este piloto local participou no rallye París Dakar en 2005, engadindo ao seu palmarés a mellor actuación dun piloto galego na historia desta proba.
Polo Velódromo Municipal do Porriño, no polígono de Cataboi xa pasaron, ademais do noso piloto local, outros da talla de Josep Sardá, Gerard Farrés, Xavi Galindo, Aarón Bernárdez o desaparecido Néstor Jorge.
Esta edición servirá de homenaxe ao piloto moañés Dani Rivas, gran asiduo ás probas organizadas polo Motoclub Papaya no noso municipio, que falecía traxicamente o pasado mes de xullo no circuíto estadounidense de Laguna Seca. “Pero lonxe de ser un evento triste, contaremos co speaker canario Ricardo Cerené, que xa estivo no Porriño na primeira proba celebrada no 1994 converténdose en pioneiro, do mesmo xeito que o noso club, en probas desta índole”, explicaba Joaquín Agra.
En total 20 pilotos invitados, con idades comprendidas entre os 18 e os 40 anos, ofrecerán un espectáculo sen igual no Velódromo Municipal onde loitarán en 12 mangas eliminatorias até quedar 7 para a final. Tamén se celebrará unha carreira “á americana”, na que a partir da vixésima volta irase eliminando ao último, engadía Agra.
Esta proba finalizará antes da medianoite e o custo de entrada será de 5 € para a zona perimetral e 8 € para bancada.











