O recoñecido xogador e coach Lozark participará na party informática Xuventude Galicia Net 2015

David Alonso
O Xuventude Galicia Net 2015, a party informática que se celebrará do 18 ao 20 de setembro na Feira Internacional de Galicia ABANCA, contará coa presenza do recoñecido xogador e coach profesional de videoxogos David Alonso “Lozark”.
Este gamer de orixe galego é na actualidade coach do Giants Gaming, un equipo de deporte electrónico formado integramente por españois que se encontran ao primeiro nivel da liga europea (a LCS) do League of Legends (LoL), un dos videoxogos aos que máis se xoga na actualidade. A súa tarefa contempla, entre outros cometidos, analizar tácticas e estratexias, corrixir erros ou motivar aos xogadores, cos cales convive na “gaming house” do equipo en Berlín.
Lozark participará durante os tres días do XGN 2015 como un asistente máis, atendendo as peticións dos fans do seu equipo, o cal suporá unha interesante oportunidade para os asistentes.
Ademais, este recoñecido coach impartirá o sábado unha conferencia sobre distintos aspectos da súa profesión, tales como a estrutura dun equipo que compite a nivel europeo, os pasos a seguir para entrar no circuíto profesional de videoxogos e o panorama actual dos e-sports, un sector que se está profesionalizando de maneira moi rápida e ao que se asocian importantes cifras tanto económicas como de espectadores, os cales poden ascender nunha final da Liga de Videojuegos Profesional (LVP) española a un cuarto de millón entre os presenciais e os que a seguen en directo a través de internet (en streaming).
Acceso libre
A conferencia de Lozark terá lugar na zona Extranet do XGN 2015, polo que será de acceso libre para todos os que queiran acudir. Súmase así ao completo programa de actividades desta área aberta, na cal tamén haberá dende zona de videoxogos con consolas de última xeración ou proxeccións ata pistas de fútbol ou simuladores de velocidade, ademais de moitas outras.
Entre estas actividades tamén estará un área de xogos de mesa que a organización acaba de definir e que contará con cerca de vinte distintos, como o Colonos de Catán, Carcassone, Star Wars, Galaxy Trucker, Munchhking, Stone Age, Cards Against Humanity, Huída de Silver City, Smash Up ou Zombies.
Estas propostas seguen incrementando o atractivo desta nova edición do Xuventude Galicia Net, a cal conta coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar, ademais do apoio do Concello de Silleda e Coca-Cola e do respaldo das entidades implicadas de forma permanente na actividade da Fundación Semana Verde de Galicia, como son a Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Abanca.
Apertura de portas o día 17
Se ben a data oficial do XGN 2015 é do 18 ao 20 de setembro, o evento abrirá as súas portas de forma non oficial o día 17 ás doce do mediodía para aqueles inscritos que desexen acceder xa ao pavillón para instalarse e comezar a súa participación na party.











