O Porriño será o punto de partida do 1º Budiño Raid Terras do Louro

Presentación do Budiño Raid Terras do Louro
Mañá sábado día 12, ás 09.00 h, dará comezo desde A Forna a primeira proba deportiva multidisciplinar para equipos “Budiño Raid Terras do Louro”; así o presentaban esta mesma mañá no salón de plenos do Concello do Porriño a súa alcaldesa, Eva García da Torre; o alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Bicada; o concelleiro de Deportes de Tui, Laureano Alonso; e o presidente da Asociación Deportiva A Forna de Budiño, Carlos Amil.
Eva García, mostrábase moi agradecida coa entidade organizadora “polo empeño e paixón que pondes en todas as actividades que facedes e organizades, levando o nome de Porriño todo o máis alto no ámbito deportivo, á vez que resaltades a riqueza paisaxística da nosa contorna”. Destacaba tamén “o esforzo e capacidade de sacrificio que cada un dos participantes pon neste tipo de probas”, facéndolles un merecido recoñecemento.
Marcos Bicada destacaba que este raid de orientación serve ademais de “interconexión territorial ao unir nun mesmo evento deportivo a tres Concellos, dando unha magnífica oportunidade de pór en valor todos os nosos recursos naturais”. Salceda será o punto da primeira transición no centro urbano.
Laureano Alonso, pola súa banda, felicitaba A Forna por contar con lugares tan emblemáticos de Tui “como o casco antigo, a centenaria ponte internacional e por suposto o río Miño, que serán escenario de varias probas a desenvolver neste gran evento deportivo”. A Corredera de Tui, acollerá tamén a segunda transición.
A 1º Budiño Raid Terras do Louro é un ambicioso proxecto que involucra o tres municipios que rodean o río que dá nome a esta proba e, á súa vez, a 3ª proba da liga Galegade Raids de Orientación na que participarán preto de 200 persoas repartidas en 65 equipos mixtos. A organización contempla unha categoría de iniciación, dado o interese suscitado entre outras modalidades deportivas como o ciclismo, atletismo ou o tríatlon.
O circuíto consta de 100 km, con saída e chegada ao Centro Cultural e Deportivo da Forna de Budiño, conta con 7 sectores que transcorrerán polos Concellos de Porriño, Salceda de Caselas e Tui, atravesando lugares como as Gándaras de Budiño, Faro Budiño, Cans, a Senda do Caselas, o Monte San Cibrán, o Espicho do Faro de Entenza, Veigas do Louro ou o río Miño. Estes son só algúns dos marabillosos espazos naturais polos que fluirá a primeira edición deste raid de orientación.
A proba inclúe as disciplinas de trekking, BTT, orientación específica a pé, kaiak, rappel e escalada; todo iso a desenvolver nun tempo de 10 horas, polo que ás 19.00 h pecharase a carreira, con chegada á asociación a Forna de Budiño, lugar onde tamén se realizará a entrega de trofeos, ás 20.00 h.











