O pleno de Silleda debatirá o prego de clausulas para licitar o o Servizo de Axuda no Fogar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

O goberno municipal de Silleda levará ao Pleno ordinario do vindeiro xoves día 24 (10.00 horas), diversas cuestións de calado coma a aprobación do prego de cláusulas administrativas e a convocatoria de licitación do Servizo de Axuda no Fogar.

Este servizo contratarase por procedemento aberto, con tramitación ordinaria e con distintos criterios recollidos nas bases. O orzamento de licitación do Servizo de Axuda no Fogar de prestación básica e dependencia calcúlase sobre o prezo/hora de prestación do servizo distinguindo dous tipos de servizos (ordinario e extraordinario). Así no caso do servizo ordinario proponse un prezo de 11,70 euros hora, IVE excluído  e para os extraordinarios ( sábados pola tarde, domingos e festivos) de , 13,70 euros hora, IVE excluído.

O SAF foi adxudicado o pasado ano á empresa Pedroso y Rojas e volve a salir a concurso unha vez rematado o contrato con esta empresa.

A orde do día abrirase coa toma de posesión da nova concelleira do grupo municipal de goberno, Aida Castro Caramés, que entra na Corporación en substitución de Luis Rodríguez.

Así mesmo, o goberno municipal someterá á opinión do pleno outras dúas cuestións. “Queremos ratificar no Pleno que é o máximo órgano do Concello a resolución da Alcaldía pola que recurrimos a liquidación provisional feita polo Consorcio Galego de Benestar sobre o funcionamento da Escola Infantil”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

Outro dos temas que se busca ratificar no pleno é un acordo adoptado na Xunta de Goberno Local, un requerimento de pago á empresa Explotación Mineira de Campomarzo S.L. Trátase de requerir a esta empresa o pago do canon municipal pola explotación do vertedoiro de escombros , que se deixou de abonar durante os anos 2005/2007 e 2008/2011. O importe total que se lle reclama á empresa supera os 500.000 euros.

Denominación de prazas e festivos locais

Por outra banda, ademais das mocións dos grupos políticos, na sesión ordinaria tamén se fixarán os festivos locais para o vindeiro ano 2016, e se debatirá sobre a proposta de cambio de denomación das dúas prazas, de Silleda e da Bandeira que levarán o nome do ex alcalde Juan Salgueiro a proposta de varias asociacións municipais. 

21 de setembro de 2015 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.