O muiño de Covián, o conxunto de Parada e Fonte do Campo serán as propostas de Silleda para a iniciativa do COAG no Día da Arquitectura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

O Concello de Silleda xa remitiu Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) as súas propostas para participar nun proxecto de posta en valor da arquitectura tradicional con motivo do Día Mundial da Arquitectura, que se celebra no primeiro luns de outubro. A delegación do COAG en Pontevedra propón con esta iniciativa  a posta en valor da riqueza das construccións tradicionais, que no caso de Galicia, con multiples formas de asentamento poboacional, axudaron a conformar a nosa sociedade.

Dende o Concello de Silleda remitíronse tres propostas: o muiño de Covián (en Rellas) e o seu entorno; o conxunto de Parada e a fonte e lavadoiro de Campo, en Silleda.

“Cremos que se trata de propostas que responden aos criterios que busca o COAG e agardamos que poidan ter cabida na lista final da provincia de Pontevedra para contribuir á difusión e a un mellor coñecemento deste noso patrimonio”, engade  o alcalde, Manuel Cuiña.

No caso de Covián, o muiño é o máis grande da comarca do Deza. Construído no ano 1810 , este muiño de maquía contra con 4 inferniños (ou moas) e atópase nun entorno natural privilexiado na parroquia de Rellas, á beira do río Toxa. O muiño foi cedido ao Concello de Silleda pola familia propietaria. A construcción restaurouse no ano 2008 a través do obradoiro de emprego “Ponte da Pedra”, promovido polo Concello, e a posta en valor do conxunto continuou nos dous últimos anos coa construcción dunha pasarela sobre o río e a creación dunha área recreativa ao seu carón.

A outra proposta chega dende a parroquia de Parada, que atesoura un interesante conxunto etnográfico e patrimonial composto por 6 fontes e 3 lavadoiros, ademais de de unha alvariza e varios muiños.  O conxunto, que protagoniza a chamada Ruta da Auga de Parada, propónse como unha única entidade.

A terceira e última proposta (cada Concello podía presentar ata un máximo de 3), está a diferencia das anteriores nun entorno urbano. Trátase do conxunto formado polo lavadoiro e a fonte de Campo, en Silleda, ao pé da N-525, en pleno Camiño de Santiago.

O conxunto construiuse no ano 1950, tamén como centro de encontro e uso social. Está feito en cantería en perpiaño, e con mabteriais nobles (pedra e tella do país e tamén madeira). Conta con dous caños de auga e 10 prazas para lavar, ademais dun antigo abrevadeiro para animais.

No seu tempo deu servizo a peregrinos e arrieiros, ademais dos veciños e veciñas, e hoxe en día segue cumprindo as súas funcións, como fonte, lavadoiro e como área de descanso para caminantes cara a Compostela.

15 de setembro de 2015 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.