Manuel Cuíña reúnese coa secretaria xeral de Urbanismo para avanzar no PXOM de Silleda
O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña Fernández, asistiu hoxe en San Caetano a unha reunión coa secretaria xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas. “Dende o goberno municipal solicitamos este encontro para avanzar en cuestións relacionadas co planeamento urbanístico de Silleda, despois de que xa se respostaran todas as alegacións de xeito individual”, explica o alcalde e responsable de Urbanismo.
Ao encontro Cuiña acudiu con representantes de Eptisa, a empresa redactora do plan. Así mesmo, á reunión tamén asistiron un grupo de veciños en representanción dos propietarios da rúa Colmeiro que no seu día prepararon unha alegación conxunta.
“Tentamos que se acepte incorporar esta rúa de Silleda como zona urbana, xa que consideramos que reúne todos os servizos e instalacións necesarias para considerala como tal”, explica Cuiña.
O pasado mes de marzo remitíronse a todos os propietarios as respostas ás súas alegacións.
En total remitíronse 783 misivas dende o Concello respostando de xeito individualizado a todas as persoas que alegaron.
Cuiña lembra que a maioría das reclamacións foron aceptadas, outras estimáronse de xeito parcial e un grupo, máis pequeno de propostas foi rexeitada por non axustarse á normativa no tocante a cuestións como a Lei do Solo, ou afeccións relacionadas con Augas de Galicia ou Patrimonio.
Logo do proceso de revisión, volcouse todo o contido das alegacións no documento. A día de hoxe resta por recibir o informe de Patrimonio. O PXOM xa foi remitido o pasado mes de xaneiro a este último departamento autonómico coas correccións advertidas pola propia Consellería no seu primeiro informe.
“Esperamos poder axilizar os trámites para levar o documento a Pleno de cara á súa aprobación provisional”, engade.











