Lalín e Silleda esixen que se convoque de forma urxente a mancomunidade de municipios do Deza
Os alcaldes de Lalín e Silleda volveron esixir hoxe que se convoque de forma urxente a reunión da Mancomunidade de Municipios Terras do Deza, que leva meses sen manter un encontro para analizar as necesidades dos diferentes concellos que a conforman. Rafael Cuíña e Manuel Cuíña tachan de inadmisible que se siga a a adiar unha xuntanza que consideran imprescindible e prioritaria para activar este órgano supramunicipal e para empezar a definir a súa estratexia e o seu funcionamento para este mandato.
Ambos rexedores consideran que o retraso resulta aínda máis inxustificado cando xa pasaron máis de 100 días da celebración dun proceso electoral que modificou o escenario político na comarca. Lalín e Silleda, tal e como quedou claro nos últimos meses, apostan de forma decidida por dotar de verdadeiro contido a este organismo, que debe ser un instrumento útil, eficaz e imparcial para dar resposta ás necesidades reais dos diferentes municipios que o integran e non a intereses partidistas, o que parecía ser a súa principal función ata hai uns meses.
Rafael Cuíña e Manuel Cuíña tamén pretenden que a Mancomunidade teña utilidade á hora de establecer fórmulas de cooperación que permitan optimizar servizos e activar medidas de actuación conxunta en cuestións fundamentais para a comarca do Deza. Neste sentido, unha das principais peticións que realizan os concellos de Lalín e Silleda é que se faga un uso racional do parque móbil e da maquinaria da Mancomunidade, xa que ata o de agora daba a impresión de que a súa utilización se estaba a realizar de maneira absolutamente partidista e electoralista.
Rafael Cuíña e Manuel Cuíña asinaron o pasado 23 de xullo unha carta conxunta na que se reclamaba a convocatoria da reunión da Mancomunidade Terras do Deza, sen que polo de agora se producise resposta a esta solicitude. Os alcaldes cualifican de lamentable que se produzan reticencias a atender esta petición precisamente cando os dous principais concellos do Deza non están en mans do Partido Popular.
Finalmente, os concellos de Lalín e Silleda reiteran o seu compromiso a ir da man nas cuestións de relevancia común para ambos municipios e para a comarca do Deza.











