Cuiña advirte que Rueda recoñece que debería haber un convenio coa Deputación para as obras de Cira e Bandeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña Fernández, saiu ao paso das declaración do conselleiro e presidente da Fundación Semana Verde, Alfonso Rueda, polas obras pendentes da Deputación en Silleda, advertindo que “o propio Rueda cando pide que o organismo provincial faga estas dúas obras está convencido de que había un convenio, un acordo que Louzán nunca chegou a firmar”, engade.

O alcalde di que con estas declaración “está demostrado que están recoñecendo ese compromiso que se escenificou en varias ocasións”, lembra ao respecto da mellora integral da estrada a Cira e a reforma do campo de fútbol da Bandeira.

Así mesmo, respóndelle ao conselleiro que ao non existir unha partida a día de hoxe na Deputación para acometer estas dúas obras “necesarias, agardadas e de sobra comprometidas”, debe entenderse que irían con cargo ao chamado 20% de libre disposición do organismo provincial “pero lamentablemente ao señor Louzán, anterior presidente, dilapidou estes fondos nun montón de obras en moitos concellos, pero ningunha en Silleda”, engade Cuiña, reiterando que “ata o propio vicepresidente da Xunta estaba convencido de que o convenio se firmara”, engade.

Cuiña alégrase de que “por fin nesta nova etapa no organismo provincipal ese fondo de libre disposición desapareza”, engade.

Ao voceiro do PP

Por outra banda, respecto ás declaración do voceiro do grupo municipal do PP de Silleda, José Luis Espiño sobre o Plan de Emprego Provincial, Cuiña recoméndalle “que unha vez máis se informe antes de falar, porque a ignorancia fai estragos”.

“Non se pode sair alegremente criticando deste xeito, ao que xa nos ten acostumbrados”, indica.

Así, advírtelle que o plan anunciado para novembro e decembro –polo que a Silleda lle corresponden 24 traballadores- é de dous meses porque vai con cargo á prórroga dos orzamentos de 2015.

“Todos sabemos a estas alturas, e o señor Espiño debería de coñecelo, que para o ano que vén non se pode sacar un plan sen aprobar un orzamento. E que non teña duda que esa mellora das condicións laborais do plan provincial de emprego continuará no ano 2016”, engade. Cuiña lembra que este será “un plan de emprego digno con salarios que pasarán de 440 a 976 euros ao mes e cunha xornada laboral de 35 horas, en lugar de 25, co que ademais tamén se garantiza un maior servizo aos cidadáns”, sinala.

“Meteu a pata ata o fondo. Un portavoz dun grupo municipal non pode amosar tal ignorancia”, advirte.

18 de setembro de 2015 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.