Carmela Silva insta o vicepresidente da Xunta e o presidente da Fundación Semana Verde a buscar unha solución aos seus incumprimentos con Silleda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSilleda
A-
A+
Carmela Silva na reunión co alcalde de Silleda

Carmela Silva na reunión co alcalde de Silleda

Na súa primeira visita institucional a Silleda a presidenta da Deputación, Carmela Silva, fixo un chamamento a todos os patróns da Fundación Semana Verde e, especialmente, ao seu presidente, Alfonso Rueda, para que busquen unha solución a fin de cumprir cos compromisos que adquiriu con este Concello pontevedrés relativos ao campo de fútbol da Bandeira e a estrada de Cira.

“Hai que buscar unha solución e téñense que implicar todos os patróns da Semana Verde, o vicepresidente da Xunta o primeiro porque foi en primeira persoa quen se comprometeu co Concello de Silleda”, dixo Silva, que fixo un chamamento á Xunta para sentarse e buscar unha saída inmediata a este conflito. “Máis cando o Concello se tivo que meter nun gasto que agora ninguén lle resarce. Hai que estudar moi seriamente como o podemos resolver”. A presidenta da Deputación lamentou que actualmente, este ano, non exista ningunha posibilidade orzamentaria “porque o anterior presidente gastou todos os fondos que tiña como libre disposición e que si investiu noutros lugares. Non cumpriu co seu compromiso, que era moito máis que unha promesa electoral. Noutros sitios fixo campos de futbol, mellorou pavillóns e obras e se quixese tiña diñeiro para cumprir con Silleda. Non o fixo porque non quixo facelo”.

Na súa visita a Silleda Silva explicou o novo modelo que a Deputación manterá cos concellos a través do Fondo local. “Con este sistema desaparecen as subvencións nominativas de forma partidaria e arbitraria. Farase unha distribucion equitativa para dar cumprimento aos servizos básicos que os concellos teñen que prestar e a libre concorrencia será a dinámica habitual. Os alcaldes da provincia de Pontevedra pasan de ser clientes a ser alcaldes e alcaldesas con dereitos. Son os que gobernan e polo tanto os que deciden. O alcalde de Silleda decidirá con ese financiamento que reciba os proxectos para o seu municipio” .

O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, agradeceulle ao Goberno provincial o novo modelo de financiamento. “Ata agora eramos como un rapaz menor de idade que ía ver a papa Louzán e a dicirlle: ¿que me dás? Somos maiores de idade e cos novos criterios de financiamento, sexan os que sexan, seremos nós, os concellos, os que decidiremos as nosas prioridades”.

16 de setembro de 2015 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.