As pedaladas de 45 deportistas animaron o Ciclo Indoor do Porriño

Participantes na sesión
O Ciclo Indoor desenvolvido o pasado venres 18, na céntrica praza Arquitecto Antonio Palacios, deixou latente a boa conxunción existente entre o deporte e a música. Da man da instrutora e delegada do 100% Cycling Revolution de Pontevedra, Silvia Villaverde, un total de 45 deportistas participaron nesta mostra na que contaron con 35 bicicletas estáticas e 7 elípticas.
Ao longo de dúas sesións de 45 minutos, os participantes deron boa mostra de que a música mesturada co deporte é unha forma de transportarse a un adestramento esquecéndose de que se está realizando exercicio físico. E é que as notas musicais acompañan ao movemento, xa que as revolucións por minuto van ao tempo coa música.
Silvia Villaverde animaba a que a xente se inicie e forme neste deporte, para achegalo máis a Galicia, xa que está recomendado para todas as idades, a condición de que non se padeza algún tipo de cardiopatía ou enfermidade impeditiva”.
Este é un deporte que consegue que os que o practican se evadan dos problemas diarios, sociabiliza e proporciona un bo estado físico, de saúde e benestar en xeral; ademais como dato importante, nunha sesión de entre 45-50 minutos pódense queimar entre 600-700 calorías.
O tenente de alcalde Manuel carreira, fixo entrega de medallas conmemorativas a todos os participantes e destacou que “todo deporte é saudable e aconsellable, sobre todo en épocas de tensións, esta modalidade é moi agradecida xa que enseguida notas melloras a pouco que vaias facendo, pois apenas existen lesións ao ser por deslizamento e non por impacto. É máis que recomendable, sobre todo para aqueles que lles custa máis a práctica do exercicio”, finalizaba Carreira.
Finalizaba así unha xornada de portas abertas a esta modalidade deportiva, na que moitos dos asistentes tiveron unha primeira toma de contacto.











