A Xunta principiará o día 21 as actuacións previstas para conservar e protexer o Souto da Retorta de Viveiro
A delegada territorial da Xunta na provincia de Lugo, Raquel Arias, anunciou hoxe que o vindeiro día 21 está previsto que principien os traballos encamiñados a conservar o monumento natural Souto da Retorta, ubicado na parroquia viveirense de Chavín.
Arias explicou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comprometérase a efectuar estes traballos de mantemento, posta en valor e mellora do monumento natural despois da época estival para non interferir así nas visitas que puideran realizar tanto os veciños da zona como os turistas aproveitando as vacacións de verán e “así o fixo”, segundo recalcou.
Os traballos para evitar o deterioro da masa arbórea do Eucaliptal de Chavín, como se coñece popularmente a estas 3,18 hectáreas do entorno natural, centraranse no saneamento da masa arbórea, a eliminación de plantas exóticas invasoras, a reparación do canal da auga e do sendeiro, a reforestación con frondosas caducifolias, a adecuación das infraestruturas e a mellora da sinalización.
As traballos que acometerá a Xunta, que contan cun orzamento de 40.000 euros e un prazo de execución de tres meses, tamén contemplan, segundo explicou a delegada territorial, levar a cabo accións de protección de O Avó, un eucalipto senlleiro que acada unha altura de 61,8 metros e un perímetro de 7,6 metros, “que estará en consonancia co seu valor”.
Así, entre outras medidas, o seu arredor colocarase unha valla de madeira de pino para asegurar a súa protección sen danar o sistema radical da árbore.
Poda e eliminación de plantas invasoras
Un dos labores máis importantes a realizar é a poda das ramas na marxe do carreiro que percorre a zona (exclusivamente as pólas secas e mortas), unha poda que contará con todas as medidas preventivas sanitarias en canto á protección dos cortes e a desinfección das ferramentas. Para o saneamento da masa tamén se retirarán 79 pés de eucaliptos afectados, así como a recollida e o amoreado de residuos xerados pola madeira morta distribuída sobre o chan. Tarefas nas que se utilizará unha maquinaria que respecte o medio, que non sexa agresiva con el, asegurando en todo momento que se produzan os menores danos posibles tanto na vexetación como no solo.
Co obxectivo de eliminar as plantas invasoras procederase ao apeo manual de todas as acacias existentes no eucaliptal (40), tanto a Acacia melanoxylon como a Acacia dealbata. Estas árbores sacaranse polas zonas máis accesibles do terreo sen introducir maquinaria ou vadear o río Landro, reducindo o impacto ao seu mínimo nivel. Logo da corta aplicarase un herbicida sobre cada cepa, non podendo afectar a outro tipo de vexetación, para asegurar que esta especie exótica non continúe reproducíndose no entorno.
Ademais, o enriquecemento do bosque acadarase grazas á plantación de diferentes especies de frondosas entres as que se poderán atopar castiñeiros, carballos, ameneiros, freixos ou pradairos. Debido á época na que se realizará, a plantación farase de xeito moi coidadoso para que non se produzan marras.
Por último, co fin de conseguir unha completa recuperación do Souto da Retorta e compatibilizar o seu uso público coa súa recuperación, efectuaranse unha serie de reparacións no canal da auga, na fonte, nos buratos e nas vallas do sendeiro. Arranxarase o muro derrubado nas dúas marxes do canal de derivación de auga, o sendeiro quedará totalmente uniforme grazas ao tapado con pedras e terras propias da zona nos terreos nos que sexa preciso e disporase de máis tramos de valla para substituír as que estean en peores condicións. A partir da realización de todos estes traballos, as persoas que visiten o eucaliptal disporán de sinais informativas e temáticas que lles aporten información sobre a paraxe natural, así como de sinais de perigo e prohibición que velarán polo mantemento e conservación da mesma.
As labores están xustificadas en base a un estudo fitosanitario realizado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza no que colaboraron a USC e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro. Dito estudo detectou a presenza dalgúns fungos que podrecen a madeira, fungos do chan e artrópodos defoliadores. Estes organismos son os que provocan que algúns eucaliptos e pólas se sequen e morran. Ante esta situación, Medio Ambiente recalca que os traballos son de gran importancia para coidar e manter a vexetación deste Monumento Natural.