A vila do Louro celebra o III Dúatlon Concello do Porriño este sábado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaO Porriño
A-
A+
Presentación do III Dúatlon Concello do Porriño

Presentación do III Dúatlon Concello do Porriño

Esta mañá, o salón de plenos do Concello de Porriño, acollía a presentación do III Dúatlon Concello do Porriño da man do tenente de alcalde, Manuel Carreira; o presidente de FEGATRI, Óscar Surís; o triatleta e campión das dúas edicións anteriores, Brais Misa; e do vicepresidente do Club Atletismo Porriño, Víctor Mouriño.

Manuel Carreira desculpou a ausencia da alcaldesa, Eva García da Torre, que non puido estar presente por compromisos de última hora, pondo de manifesto que  “este goberno ten algo moi claro, todo o que funciona vaise a manter. Esta é unha proba de carácter anual que tivo moita repercusión e éxito de participación e desde o Concello seguiremos apoiando este tipo de iniciativas”.

Nesta terceira edición, realizáronse algúns pequenos cambios respecto ao circuíto trazado nas anteriores, “tratando de evitar na medida do posible grandes cortes ao tráfico rodado e á vida cotiá dos veciños”, explicaba Carreira; polo que a transición pasa a desenvolverse á rúa O Piñeiral, en lugar de na rúa Domingo Bo. Outra das novidades na ruta é que xa non se chegará á rotonda pertencente a Mos, cruzando por un canellón que comunica con Ramiranes, a escasos metros da glorieta.

Así mesmo, o tenente de alcalde confesaba a súa admiración polos deportistas desta modalidade, engadindo que “é un deporte moi duro que leva moitas lesións, así como unha gran preparación física e esixencia persoal”. 

De feito, ninguén mellor para explicalo que Brais Misa, que achegou a visión máis directa desta proba engadindo que “aínda coa súa curta vida, está a ser moi valorada xa que o público achega un grao de apoio e agarimo que suma un valor engadido. Ademais é dos mellores percorridos que hai pola zona, sen esquecernos da promoción que se realiza cara ás categorías inferiores; é moi interesante que os nenos poidan valorar que existen outros deportes que se resuman sempre no fútbol”. 

Óscar Surís, eloxiaba precisamente esa posta de valor polo deporte do Concello do Porriño, “este municipio ten unha sensibilidade especial cos máis pequenos que se inician neste deporte, coa edición do Dúatlon Infantil pono de manifesto”. A proba para a categoría alevín dará comezo ás 16.00 h e consistirá en 4 km a pé, outros 4 km en bicicleta e 0,5 de novo a pé até a meta. 

Surís tamén explicou que “a carreira dos adultos iniciarase ás 17.00 h, cun sprint de 5 km, seguida de 20 km en bicicleta e novamente 2,5 km máis até a entrada en meta.

Víctor Mouriño fixo fincapé no gratificante que é para un deportista poder correr en casa, presumindo de que “non todos os clubs poden competir en casa e desde o Club Atletismo Porriño traballamos moito por iniciar aos nenos nesta modalidade a través da diversión, xa que as probas deportivas que contemplan non son para nada incompatibles. Temos sorte e agradecemos ao Concello e á Federación pola difusión e organización destes eventos deportivos”.

Manuel Carreira non quixo despedir esta presentación sen facer referencia ao resto de concellarías que colaboran con este evento, así como dos máis de 50 voluntarios que axudan na organización, entre os que se atopan Protección Civil e Policía Local de Porriño; usuarios das Escravas da Virxe Dolorosa de Mos e de ACEESCA; os clubs Ciclista Spol, Atletismo Porriño e Asociación Deportiva A Forna; así como patrocinadores e colaboradores que fan posible o correcto desenvolvemento da proba. 

Esta mesma noite finaliza o prazo de inscrición, até este mediodía xa eran 149 inscritos; para máis información sobre trazado e regulamentación poden consultar a web http://duatlonporrino.com/

15 de setembro de 2015 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.