A party informática Xuventude Galicia Net 2015 acollerá 14 torneos con premios valorados en 3.600 euros

Edición anterior de Xuventude Galicia Net
O Xuventude Galicia Net 2015, a gran party informática que se celebrará do 18 ao 20 de setembro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar, acollerá no seu marco catorce torneos distintos nos cales se repartirán en total como premios compoñentes informáticos e artigos valorados en máis de 3.600€.
As competicións oficias, as cales contarán con premios de maior relevancia, serán catro, centradas nos populares videoxogos League of Legends, Heartstone, Fifa 2015 e Counter Strike-Global Offensive (Cs Go).
Os restantes torneos do XGN 2015 serán propostas moi diversas, tales como o Torneo de Seguridade, no que os participantes poderán poñer a proba todos os seus coñecementos rompendo a seguridade dun sistema ou burlando a seguridade física dunha proba, ou o Neutraliza a Bomba, no cal os xogadores se encontran nunha habitación virtual na que hai unha bomba que deben desactivar servíndose de pistas.
Outros videoxogos, un concursos de preguntas e respostas sobre informática ou o “lanzamento de disco duro” formarán tamén parte dun programa de competicións que se está a pechar e que terá gran atractivo.
Os inscritos na party poderán participar en todos os seus torneos, mentres que os asistentes non inscritos poderán facelo soamente en parte deles. O XGN 2015 conta cun aforo máximo de 1.200 prazas na súa zona Intranet, cun custe de 20€ por posto. A súa reserva debe realizarse a través da web xuventudegalicia.net.
Extranet
Ademais da Intranet do XGN, restrinxida aos inscritos,o evento terá outra área aberta, destinada tanto a inscritos como a visitantes, a Extranet. Este espazo acollerá, ademais dalgúns dos catorce torneos programados, moitas outras actividades.
Zona de videoxogos con consolas de última xeración, xogos de mesa, un dj ou karting serán algunhas das súas propostas, ás que se unirá a presenza dalgún recoñecido xogador de videoxogos, os denominados “gamers”.











