A party informática Xuventude Galicia Net 2015 abre as súas portas de forma non oficial para facilitar o acceso dos inscritos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+
Montaxe da party informática

Montaxe da party informática

A party informática Xuventude Galicia Net 2015 celebrarase na Feira Internacional de Galicia ABANCA do 18 ao 20 de setembro, si ben o evento abrirá xa mañá as súas portas de forman non oficial. Esta apertura ten como obxectivo facilitar o acceso escalonado dos inscritos, permitindo a aqueles que o desexen comezar a instalar tanto os seus postos de ordenador como os seus útiles para durmir. Será a partir das doce do mediodía no pavillón 1 do recinto feiral. 

Os inscritos que acudan mañá poderán xa comezar a empregar os seus equipos, pero ao tratarse dun día de probas, nalgúns momentos a rede pode non estar dispoñible ou a conexión a internet ser inestable. Así mesmo, o programa de actividades do XGN 2015 non comezará ata o venres, día oficial da apertura do evento.

A Feira Internacional de Galicia ABANCA continúa hoxe e mañá pola mañá coa montaxe técnica do XGN, na que están a traballar máis de vinte persoas en distintas tarefas relacionadas coa conectividade do evento e a colocación de mobiliario.

Emisión en streaming

O Xuventude Galicia Net, o cal se celebra coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar, emitirase durante os tres días con tecnoloxía streaming, un sistema que permite ver e escoitar contidos multimedia á vez que se descargan, o cal quere dicir que o evento se pode ver en tempo real. Será a través da web do XGN, xuventudegalicia.net. 

Os que se conecten desde xeito ao evento poderán ver o seu ambiente, actividades, entregas de premios e mesmo entrevistas a participantes e visitantes.

16 de setembro de 2015 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.