publicidade hoxe

A Consellería de Traballo desenvolve 5 obradoiros para 112 alumnos na área da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaAbegondoBergondoCambreCarralMesíaOleirosSada
A-
A+
Beatriz Mato na visita ao obradoiro de Oleiros

Beatriz Mato na visita ao obradoiro de Oleiros

A Consellería de Traballo e Benestar inviste preto dun millón de euros no desenvolvemento de cinco obradoiros de emprego na área metropolitana da Coruña, impulsados polos concellos de Oleiros; Cambre e Sada; Abegondo, Bergondo, Carral e Mesía; e A Coruña, que conta con dúas iniciativas, un obradoiro xeral e outro para menores de 30 anos incluído no programa de Garantía Xuvenil.

A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, visitou hoxe aos 20 alumnos e alumnas do obradoiro de Oleiros, que comezou o pasado 1 de setembro e que se prolongará durante os próximos seis meses. En concreto, os participantes estanse a formar nas especialidades de revestimentos con pastas e morteiros na construción; e instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. Os alumnos realizan tarefas de limpeza, roza e demolición de elementos en estado de ruína, e roza e limpeza no interior da edificación da Finca Tenreiro.

Beatriz Mato lembrou que este é o terceiro obradoiro que financia a Consellería no concello de Oleiros, tras os de 2012-2013 e 2013-2014. En total tense investido preto de 600.000 euros na organización destes obradoiros, que contaron con 67 beneficiarios. Esta actuación complétase cos tres cursos para desempregados (AFD) que beneficiarán a 45 persoas cun orzamento de máis de 130.000 euros.

En canto ao obradoiro de Cambre e Sada, conta cun orzamento de 200.000 euros para 22 alumnos e alumnas que están a desenvolver tarefas de atención sociosanitaria a persoas con dependencia nas residencias de Padre Rubinos da Coruña e García Hermanos Hermanitas de los ancianos desamparados de Betanzos; no centro Pai Menni; e nas sedes de ASPACE e ASPRONAGA, entre o 1 de setembro e o 29 de febreiro.

Abegondo, xunto a Carral, Bergondo e Mesía están a desenvolver, no mesmo período, un obradoiro de atención sociosanitaria para persoas no seu domicilio e para persoas con dependencia no centro Pai Menni, a residencia asistida da terceira idade de Oleiros, na miniresidencia e centro de día municipal de Boimorto e na sede de ASPACE. A iniciativa conta cun orzamento de 180.000 euros e 20 alumnos e alumnas.

Programa de Garantía Xuvenil

Por último, A Coruña conta con dous obradoiros: un de pintura industrial en construción, para 22 alumnos cun orzamento de 200.000 euros, que inclúe o desenvolvemento de tarefas de conservación, planificación e rehabilitación dos diferentes espazos verdes do cemiterio de San Amaro; e outro para 28 mozos e mozas menores de 30 anos, enmarcado no programa de Garantía Xuvenil, que, cun orzamento de 250.000 euros, está a permitir o desenvolvemento de operacións de gravación e tratamento de datos e documentos e sistemas microinformáticos no Servizo Municipal de Emprego.

Desta maneira, A Coruña convértese nun concello pioneiro na organización de obradoiros de emprego enmarcados no Programa de Garantía Xuvenil. Dito programa está dirixido a mozos e mozas menores de 30 anos que nin estudan nin traballan, e pretende ofrecerlles unha oportunidade de formarse, adquirir experiencia laboral e mellorar o seu currículum.

Na visita aos alumnos de Oleiros, a conselleira lembrou que os obradoiros ofrecen “múltiples vantaxes”. Por unha banda, permiten o acceso a un posto de traballo, ao tempo que ofrecen formación da “máxima calidade” vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional. Ademais, durante o tempo que se desenvolven estes proxectos, realízanse obras e servizos en beneficio da comunidade.

Precisamente, “valorando todas estas vantaxes”, a Consellería decidiu este ano blindar a orde anual de obradoiros e complementala coa nova convocatoria, que se executa por primeira vez neste exercicio, destinada aos menores de 30 anos e incluída no Sistema de Garantía Xuvenil.

“Isto tradúcese nun investimento total de preto de 15 millóns de euros, para a posta en marcha de 77 obradoiros, nos que participarán máis de 1.500 alumnos, aos que se suma a contratación de profesores”, resumiu Mato, quen destacou que este orzamento é “un 50 por cento maior que o do pasado ano”.

22 de setembro de 2015 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.