A carreira popular de Santa Uxía cumpre a súa maioría de idade esperando un milleiro de participantes
O vindeiro domingo 27 de setembro terá lugar a XVIII edición da Carreira Popular de Santa Uxía: unha das competicións deportivas máis lonxevas do noso municipio que unha vez máis estará integrada no Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña. A intención é achegarse ao milleiro de participantes entre todas as categorías.
O alcalde Manuel Ruiz presentou hoxe os detalles do acontecemento nun acto no que estivo acompañado da presidenta do Club Atletismo Santa Uxía, Susana Olveira, e o técnico municipal de Deportes Javier Sampedro.
A cita arrancará ás 11 da mañá do Malecón coa proba absoluta (a disputar polas categorías junior, promesa, absoluta e veranos), que se disputará nunha distancia de 10 quilómetros homologados pola Real Federación Española de Atletismo.
Percorrido
A carreira descorrerá por un percorrido de 5 quilómetros ao que hai que dar dúas voltas e pasa polo Malecón, rúas Manzanares e Galicia, avenida da Coruña e Carolinas.
Ás 12 do mediodía terá lugar a modalidade xuvenil sobre 2.000 metros; ás 12.20 a infantil e cadete sobre 1.500 metros; ás 12.35, a alevín sobre 1.000 metros; ás 12.45 a benxamín sobre 500 metros; ás 12.55 a prebenxamín sobre 300 metros e ás 13.05 a pitufo sobre 80 metros. A entrega de premios está prevista para as 13.15 horas no Auditorio Municipal.
En total haberá catorce categorías: pitufos (atletas nados en 2011 e posteriores), prebenxamín (nados entre 2008 e 2010), benxamín (2006-2007), alevín (2004-2005), infantil (2002-2003), cadete (2000-2001), xuvenil (1998-1999), junior (1996-1997), promesa (1996-1997), promesa (1993-1995), senior (1981-1992), veteranos 1 (1975-1980), veteranos 2 (1974-1966), veteranos 3 (1965-1956) e veteranos 4 (nados en 1955 e anteriores).
Os interesados poden realizar as súas inscricións na web www.riveira.es / www.riveira.gal ou en www.carreigasgalegas.com. O prezo son seis euros para a aproba absoluta, sendo a participación gratuíta para as categorías escolares (ata xuvenil incluído).
Haberá 1.080 euros en premios en metálico, ademais de trofeos segundo as distintas franxas de idade.
Acceso ao Centro de Saúde
Dende a organización se solicitou comprensión polas restriccións de tráfico que se teñan que realizar. En todo caso serán habilitados dous puntos de cruce para quen precise ir ao Centro de Saúde na rotonda de Amas de Casa e na praza de Compostela.











