publicidade hoxe

Os veciños de Cualedro critican o modelo contra incendios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCualedro
A-
A+
Europa Press

Un colectivo de veciños de Cualedro (Ourense), onde dende este domingo se rexistra o primeiro grande incendio do verán en Galicia, criticaron o modelo de loita contra incendios forestais, ao ver que “non dá os resultados esperados”. Nun manifesto cidadán remitido aos medios, estes veciños tamén pediron á Xunta “un plan estructurado” ante a existencia de terras abandonadas no municipio, así como un endurecemento das penas aos incendiarios, que na súa opinión deben ser aplicadas “dunha forma exemplar e sen paliativos”.

Este grupo recorda que hai dous anos tamén foi Cualedro o concello no que se declarou o maior lume da comunidade, polo que a loita contra as lapas é aquí “un problema de primeira magnitude”.

Ao respecto, reclaman que este “grave problema non caia no esquecemento nuns días e que dende xa se dean pasos firmes para non ter que lamentarse outra vez nun futuro moi próximo posiblemente senón tómanse medidas drásticas”.

Neste sentido, e recoñecendo non ser “especialistas no tema”, aseveran que “está claro que o modelo actual baseado fundamentalmente na extinción non dá os resultados esperados”.

“Nun territorio cun elevado nivel de terras abandonadas é necesario un plan estructurado de actuación preventiva que impida que un lume poida avanzar ducias de quilómetros poñendo en perigo a vida de persoas e arruinando a actividade económica de moita xente”, advirten.

Así, cren “evidente” que “a mobilización dunha parte destes terreos axudaría moito nese fin, polo que non deben esquecer dende a administración outro tipo de medidas enfocadas a facilitar a posta en valor desa superficie en estado de abandono”.

En definitiva, para este colectivo veciñal, “o coidado do monte debe ser unha máxima, pois grande parte do futuro do ámbito pasa pola actividade económica ligada á terra, xa sexa a explotación agrícola, gandeira ou forestal”.

31 de agosto de 2015 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.