O mosteiro de Carboeiro celebra unha nova xornada de portas abertas o luns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

A entrada ao mosteiro de Carboeiro volverá a ser gratuita na xornada do vindeiro luns día 10, festividade de San Lourenzo, patrón do cenobio. Así o recolle a ordenanza  que regula o acceso ao mosteiro, xunto coas xornadas do 18 de maio (Día Internacional dos Museos) e o 25 de xullo (Día de Galicia).

Carboeiro segue reafirmándose coma o buque insignia do turismo na comarca do Deza, cun progresivo aumento das visitas, en continua línea ascendente cada ano.

Así, e segundo os datos recabados polos guías que atenden o mosteiro, o pasado mes de xullo achegáronse ata este enclave patrimonial un total de 1.692 persoas, case medio millar máis que en xullo de 2014, cando se rexistraron 1.136 visitas.

No que vai de ano, o mes de xuño foi o de maior afluenza de público cun total de 2.665 entradas. No balance deste 2015 destaca tamén o número de visitas rexistradas en marzo e abril, superando en ámbolos dous casos as dúas mil visitas.

No tocante ao pasado mes de xullo o perfil do visitante foi o de persoas de mediana idade (entre 35 e 65 anos) procedentes de moi diversos lugares. Ademais de veciños e veciñas de distintas localidades galegas, no tocante á procedencia destaca, en territorio nacional, a presenza de andaluces e madrileños.

En canto aos visitantes internacionais, Francia e Arxentina son os países que máis visitantes aportaron durante o mes de xullo. Tamén visitaron Carboeiro persoas residentes en Alemania, Italia, Cuba, Estados Unidos, Dinamarca, Suiza, Turquía ou Costa de Marfil, entre outros.

Os datos dos primeiros sete meses do ano seguen a confirmar a tendencia alcista de Carboeiro que en 2014 superou as 16.000 visitas, o récord ata agora deste enclave turístico e patrimonial.

Ata o vindeiro 15 de setembro o mosteiro abre ao público todos os días. O horario é de luns a venres de 11.00 a 14.30 e de 16.00 a 20.00 horas; e os sábados e domingos, de 11.00 a 20.00 horas de xeito ininterrumpido.

7 de agosto de 2015 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.