O Concello de Silleda recibe un total de 8 propostas para o deseño da residencia de maiores

Propostas recibidas
O Concello de Silleda recibiu un total de 8 propostas para o deseño do futuro Centro de Día Residencial de Maiores, que se ubicará na parcela municipal do recinto feiral da Semana Verde.
Entre as propostas figuran deseños innovadores, de corte case vangardista e outros con liñas máis clásicas, e en todos os casos con proxectos que teñen a conta a premisa de poder acoller nun futuro posibles ampliacións.
O custe medio das propostas no caso do orzamento de execución material, ronda os 600.000 euros, inversión a que habería que engadir outros custes.
Esta actuación é a gran prioridade do goberno municipal e figura xa no orzamento municipal deste ano, con unha partida de 250.000 euros para iniciar as obras.
O edificio tería inicialmente entre 15 e 20 prazas residenciais, ampliables nun futuro, ademais de ser Centro de Día.
A residencia construirase na finca situada no recinto feiral de Silleda, fronte ao hotel Vía Argentum, con máis de 8.000 metros cadrados e que adquiriu o Concello en virtude do convenio de compensación de débedas entre a Administración Local e a Fundación Semana Verde.
Aos 250.000 euros da partida orzamentaria, sumaranse outros 200.000 euros froito da doazón comprometida polo empresario D. Avelino Ramos.
Dende o Concello de Silleda valorarase nas vindeiras semanas as distintas propostas e ideas.
Ademais, dende o goberno municipal agradécese aos arquitectos e arquitectas que presentaron as súas propostas o traballo realizado, “con ideas e plantexamentos moi interesantes e sobre todo funcionais para esta obra, a máis urxente e necesaria que temos en Silleda a día de hoxe”, explica o alcalde en funcións, Klaus Brey.











