O afamado dj Sash! será o encargado de inaugurar o Festival Rosa Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioO Porriño
A-
A+

A primeira edición do Festival Rosa Porriño arrinca o próximo 15 de agosto coa actuación do coñecido DJ internacional Sash! no Velódromo Municipal ás 23:59 horas. O festival, que terá unha periodicidade anual, reivindica un dos principais acenos de identidade do municipio: o granito rosa porriño. Forma parte dunha serie de actividades programadas desde a concellaría de Cultura que dirixe Raúl Francés para “pór en valor os nosos acenos de identidade. Se en Porrigalia o noso referente foi o Faro de Budiño, con este Festival seguimos aludindo á pedra a través do noso granito máis coñecido internacionalmente: o rosa porriño. Ao mesmo tempo, o noso obxectivo é reactivar as actividades lúdicas e festivas para recuperar O Porriño como un pobo para gozar”.

XIRA MUNDIAL

Sash! é un proxecto musical do DJ e produtor alemán SaschaLappessen. Conseguiu coarse nos primeiros postos das listas de éxitos sobre todo australianas, británicas e doutros países europeos, e nas listas de música dance dos Estados Unidos a finais dos 90 con “Encore une fois”, “Ecuador”, “Stay” e “Mysterious Times”. Tamén creou temas tan coñecidos como “Adelante” ou “La primavera”.

Sash! combina diversos estilos musicais. Nos seus máis de trinta anos de traxectoria experimentou con diversos xéneros: trance, vocal trance, house progresivo e eurodance. A actuación no Velódromo do Porriño forma parte da xira mundial que está a realizar este ano. Sash! chega ao Festival Rosa Porriño procedente da República Checa e desde a capital do granito rosa continuará a súa xira en Róterdan.

No Festival Rosa Porriño tamén se poderá gozar das composicións dunha das mellores DJ’s femininas da actualidade en Portugal, DJanePercy. Formouse na escola de DJ’sMixstoreSchool, un centro que favorece a sensibilidade musical e a capacidade de mesturar e onde desenvolveu unha esencia musical ben construída, fluída e agradable. Iniciou a súa carreira internacional no ano 2012 e desde entón suma máis de 150 actuacións en clubs como o Pacha (Ofir, Portugal), Queen (España), Gloss (Luxemburgo), BoatParty (Paris, Francia).

O cartel do Festival inclúe ademais a un clásico DJ do panorama musical español, MickyDJ que desde finais dos 90 conxuga ritmos electrónicos, indie rock, oldies, house e actuais. Compartiu cartel con grandes DJs como José Padilla, JP Candela, DJ Nano, Fonsi Nieto, Norman Doray, Submission DJ, DJ Neil ou Luigii Neto. Tamén é o DJ residente da zona “Firts Golden Ticket” nos concertos máis importante de Madrid como FooFighters, Coldplay, Rihanna, Shakira, Muse, George Michael, Enrique Iglesias, Alejandro Sanz ou Maná. Picou en lugares tan dispares como Bangkok, República Dominicana, Budapest e Londres.

“Espéctaculo, impacto e fantasía sen límites”. Así define o seu traballo Pablo Méndez Compañía de Performance que trae ao Festival Rosa Porriño estruturas xigantes, luces que bailan, lume, música, danza, e acrobacias. Un universo de fantasía que levaron xa por medio mundo, desde Galicia a Transilvania ou Miami. A compañía participou en eventos como a Winter MusicConference de Miami, o desfile do orgullo gai de Viena, a apertura dos Xogos Olímpicos Europeos de Policias e Bombeiros, ou a Fun Beach Party 2010.

ENTRADA GRATUÍTA

A entrada ao festival será gratuíta. Para facilitar o acceso ao Velódromo Municipal organizouse un servizo gratuíto de autobuses a partir das 22:30 horas con percorrido circular: Velódromo/Torneiros/Ponte do Valo/Avenida de Galicia/Domingo Bueno/Velódromo. 

7 de agosto de 2015 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.