publicidade hoxe

Medio Ambiente construirá unha ponte sobre o Miño para mellorar a mobilidade e fomentar o turismo da Ribeira Sacra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA PeroxaLocal PortadaNogueira de RamuínPantón
A-
A+

O Consello da Xunta de Galicia foi informado esta mañá da licitación da obra para a construción dunha nova ponte sobre o río Miño, nos Peares, que mellore a mobilidade entre ambas as marxes no núcleo dos Peares. O proxecto que licitará a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de infraestruturas por un importe de 2,5 millóns de euros, definirá unha nova ponte que mellorará a mobilidade entre os núcleos situados á marxe dereita do río e os da esquerda e coa estrada N-120; que incluirá unha senda peonil desde a vía de titularidade nacional ata o núcleo dos Peares.

A situación elixida está condicionada pola proximidade dun paso inferior existente baixo a liña de ferrocarril Ourense-Monforte de Lemos, no contorno da estación dos Peares, que será utilizado para comunicar a ponte proxectada coa rede viaria existente na marxe dereita do Miño. Esta actuación incrementará a seguridade viaria, de vehículos e peóns, xa que grazas á senda peonil defínese un novo itinerario para resaltar a riqueza paisaxística da zona, aumentando a competitividade turística da Ribeira Sacra. 

Trátase dunha nova infraestrutura cuxa tipoloxía estrutural prima a minimización da afección visual, dado o valor paisaxístico da contorna, para conseguir unha estética que encaixe no ámbito; e o uso de elementos de tamaño reducido e peso para a montaxe, debido ás condicións de acceso. 

A solución seleccionada, tipo pórtico con 4 pilas con 2 células en V que enmarcarán o paso da auga do río Miño de modo habitual (salvo en enchente), reúne estes requisitos. Dende a Consellería sinalan que apostar por unha solución de maior luz obrigaría ao emprego de cantos estruturais maiores ou solucións en arco ou tensadas de maior presenza, que poden ser axeitadas nun ámbito urbano pero que non se estiman apropiadas para o medio en que se encontra esta obra. 

A ponte terá unha lonxitude de case 200 metros (193,60), con 5 vans e un taboleiro de 6,25 metros de largo, nos cales se disporán unha calzada de 5 metros para uso compartido de peóns e vehículos, dando prioridade ao uso peonil. De feito, o proxecto inclúe unha senda peonil de 330 m de lonxitude, que comunicará a nova ponte co núcleo de casas situadas augas arriba, nos Peares. A senda apóiase na marxe esquerda da antiga estrada nacional. Como medida de integración ambiental e paisaxística, o firme na estrutura alternará franxas de pavimento de formigón impreso con outras conformadas por lastras. Ademais, esta solución facilitará aos condutores a percepción de que se trata dun espazo con prioridade de paso para os peóns e impedirá que os vehículos alcancen velocidades importantes.

Na actualidade, a conexión entre as poboacións situadas nas dúas beiras do río Miño realízase a través de coroación da presa dos Peares, situada augas arriba da confluencia co Sil, que permite comunicar o trazado antigo da estrada N-120 (paralelo ao Miño pola marxe esquerda), coa estrada provincial LU-P-1801 que discorre pola dereita. A traza destas dúas vías atópase encaixada no cavorco do río, polo que ambas contan cunha sección estrita e un trazado moi sinuoso. A nova infraestrutura permitirá unha mellor accesibilidade á Ribeira Sacra, zona de enorme valor ambiental e potencial turístico.

Favorecer a mobilidade

Esta nova ponte vén sumarse a outros proxectos que está a levar a cabo o Goberno galego para favorecer a mobilidade e incrementar a seguridade viaria dos veciños dos Peares. 

Esta mesma semana, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas visitaba o núcleo dos Peares para anunciar o inicio de varias actuacións, como a construción dun itinerario peonil na marxe dereita da antiga N-120, ao seu paso pola vila do Mesón, en Nogueira de Ramuín; a ampliación do acceso viario ao camposanto de Casdevil; a construción dun aparcadoiro e dun miradoiro na zona do centro de saúde, no concello da Peroxa; e o acondicionamento dunha marxe da estrada da N-120 e a protección peonil na outra marxe, no Torrón, no municipio de Pantón. O importe global destas actuacións é de 60.000 euros.

6 de agosto de 2015 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.