publicidade hoxe

Desactívase a situación 2 de perigo para casas no lume de Cualedro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCualedro
A-
A+
Europa Press

A Consellería de Medio Rural informou en torno ao mediodía deste luns de que foi solicitada a desactivación da ‘situación 2’ -por proximidade a casas- no incendio de Cualedro (Ourense), que segue activo pero está “contido”, segundo o alcalde da localidade, Luciano Rivero.En declaracións, Rivero explicou que se o vento segue en calma é posible que pronto se poidan controlar as lapas. Os traballos de extinción céntranse agora en montes de municipios limítrofes como Baltar, Xinzo de Limia e Trasmiras, especialmente na Serra do Larouco, onde se concentran esta mañá os medios aéreos.

Pola súa banda, o Ministerio de Defensa sinalou que a Unidade Militar de Emerxencias (UME) despregou neste lume militares pertencentes ao V Batallón de Intervención en Emerxencias.

O incendio declarouse este domingo en montes da parroquia de Lucenza do municipio ourensano de Cualedro e queimou polo menos 2.000 hectáreas. Ao respecto, o rexedor apuntou que “as últimas informacións” de que dispón indican que o lume “agora mesmo está contido”.

A situación evolucionou favorablemente para os efectos dos labores de extinción, que continúan xa non só en montes do municipio de Cualedro, senón tamén nos dos municipios limítrofes de Trasmiras, Baltar e Xinzo de Limia.

“Agora todo está a expensas da meteoroloxía, sobre todo de que non tire o vento. De ser así, as informacións que temos é que mesmo pronto podería empezar a estar controlado, pero se aparece o vento tiraría de varios focos de lume que aínda quedan activos e podería volver complicarse a cousa nalgúns puntos”, advertiu o alcalde.

En Cualedro “o peor xa pasou”, segundo dixo Luciano Rivero, antes de destacar que “agora mesmo xa non corre risco ningunha vivenda nin explotación gandeira da zona”.

PROXIMIDADE A VIVENDAS

Malia as numerosas situacións de alto risco que se produciron este domingo en polo menos sete localidades deste municipio, “en Cualedro non ardeu ningunha vivenda, explotación ou galpón que este Concello teña coñecemento”, segundo afirmou Rivero.

Non obstante, resaltou que as lapas se aproximaron e devastaron extensións considerables de monte das localidades de Saceda, Pedrosa, Lucenza, Lamalonga, Muimenta, Vileda e o propio Cualedro.

O lume tamén se aproximou a localidades de Xinzo de Limia como Gudín, Novás e Cebreiro, así como ás de Vilardelebres e Serralleira de Trasmiras e outras do municipio de Baltar.

En torno ao mediodía deste luns, os labores de extinción céntranse en montes da Serra do Larouco, no municipio de Baltar, limítrofe xa con chan portugués, onde dirixen principalmente as descargas os medios aéreos este luns.

As numerosas frontes de lume abertas durante a tarde do domingo, con intensos ventos, complicou os labores de extinción ao facer preciso atender diversos focos distantes entre si, segundo constatou o alcalde.

Luciano Rivero confiou, con todo, en que “se todo continúa así e o vento non aparece, é posible que nas próximas horas a situación quede controlada, aínda que agora os maiores esforzos de extinción se centran no Larouco”.

31 de agosto de 2015 | 12:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.