publicidade hoxe

A biblioteca do Porriño acolle a exposición “Fotogramas por segundo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

A partires do mércores 5 de agosto, de luns a venres de 09:00 a 21:00 horas, a Biblioteca do Porriño acollerá  a exposición “Fotogramas por segundo.

Exposición F.P.S.

Fotogramas por Segundo, de Xosé Holgado, unha serie fotográfica que homenaxea á sétima arte cun traballo baseado na reconstrución dos fotogramas dalgunhas das películas máis representativas da historia do cine. E para completar a mostra, ofrecémosvos unha escolma dos mellores libros de cine da nosa colección, cos que vos poderedes mergullar nos segredos que se agochan tras a gran pantalla e a coidada selección de 1400 peliculas en formato DVD, que posue a biblioteca municipal.

Voltando ás imaxes de Xosé Holgado, o protagonismo do proceso recae na iluminación, que se integra á perfección con todos os elementos da posta en escena (maquillaxe, peiteado, atrezzo) para dotar ás imaxes da atmosfera das películas que as inspiran: unha selección de filmes dos máis diversos xéneros e épocas, pero cuxos fotogramas se teñen gravado xa para sempre nas nosas retinas.

Se facemos un percorrido cronolóxico polas mesmas non temos máis remedio que comezar co temible Nosferatu, eine Symphonie des Grauens, de F.W. Murnau (1922), obra clave do expresionismo alemán que nos presenta esta terrofífica figura esquelética, de dentes e uñas afiadas. Trátase dunha interpretación libre do Drácula de Bram Stocker(1897), a quen Murnau cambiou o nome para evitar ter que pagar os dereitos de autor…

Non temos que andar moitos anos no tempo para atoparnos coa surrealisa Un chien andalou (1929), de Luis Buñuel, na que participou Salvador Dalí. Unha verdadeira obra de arte e ensaio de 17 minutos que naceu da confluencia dun soño de Buñuel (o do ollo diseccionado por unnha navalla) con outro de Dalí (o da man e as formigas). O nome da película foi escollido por non ter ningunha relación cos temas tratados na mesma, algo moi en consonancia co Surrealismo no que se enmarca. 

Se avanzamos ata os anos 60 atopámonos coa inquietante Psycho (1960), do mestre do terror e o suspense Alfred Hitchcock.Baséase na novela homónima de 1959 escrita por Robert Bloch, que á súa vez foi inspirada polos crimes de Ed Gein, asasino en serie de Wisconsin. Trátase de todo un clásico da historia do cine, unha das mellores películas do seu director, tan popular que ten sido versionada – e parodiada – en infinidade de ocasións. E é que Marion Crane e Norman Bates forman xa parte do noso imaxinario colectivo!

Un ano máis tarde estreábase Breakfast at Tiffany’s (1961), de Blake Edwards, coa grandísima Audrey Hepburn no papel de Holly Golightly, unha guapa neoiorquina de vida fácil e extravagante. Trátase de novo dunha adaptación, esta vez bastante libre, dunha novela co mesmo título escrita por Truman Capote. Ao igual que a imaxe elegante de Hepburn é xa un icono da cultura moderna, a música de Henry Mancini e a canción Moon River forman parte tamén da banda sonora das vidas de moitos de nós.

 Xa nos 70, atopámonos coa película Cabaret (1972) de Bob Fosse, coa magnífica interpretación de Liza Minelli, que se ten convertido nun dos mellores musicais da historia, cando parecía que este xénero estaba xa desaparecido. Como nos casos anteriores, a literatura está nas orixes da película, xa que se basea nun musical de Broadway que á vez se inspira na novela Goodbye to Berlin de Christopher Isherwood (1939). Imborrable a imaxe de Sally Bowles (Liza Minelli) cantándonos aquilo de “Life is a cabaret, old chum! Come to the cabaret!”. 

Chegamos á década dos 80 da man doutra desas pelis que te deixa os pelos de punta: The shining (1980) de Stanley Kubrick. Quen non recorda ese inquietante paseo en triciclo polos pasillos do hotel Overlook ou a terrible mirada de Jack Torrance (Jack Nicholson)? Baseada na novela do bestseller do xénero de terror Stephen King, este non quedou moi satisfeito co resultado da película, pois introducía cambios substanciais con respecto ao libro. Pola súa parte Kubrick modificou tamén en varias ocasións a montaxe final da cinta, suprimindo varias escenas que ofrecían novas miradas sobre o acontecido no hotel.

A nosa seguinte parada é Basic Instinct (1992), de Paul Verhoeven, todo un taquillazo mundial que mesturaba a intriga detestivesca (había que resolver un asasinato) con grandes doses de sexo. A película escandalizou aos sectores máis puritanos a comezos dos 90 polas súas escenas subidas de tono… E é que o director tivo que cortar a montaxe en innumerables ocasións para que a película non fose clasificada como pornográfica. Nunca un punzón de xeo e un cruce de pernas deron tanto que falar!

A finais desta década dos 90, un filme revolucionou a ciencia ficción pola súa acción trepidante, o seu orixinal guión e uns efectos especiais revolucionarios. Non podemos estar falando doutra peli que non sexa The Matrix (1999), dos irmáns Wachowski, que xunto con The Matrix Reloaded e The Matrix Revolutions forman unha triloxía de culto para calquera amante do xénero. Despois de Matrix, os déjà vu son máis inquietantes que nunca…

Nese mesmo ano estreábase tamén American Beauty (1999), opera prima do director teatral Sam Mendes que nos ofrece unha mordaz crítica do estilo de vida norteamericano, porque que ter a típica familia ideal e vivir nun estupendo barrio residencial non é tan marabilloso como parece… Na película aparecen constantemente alusións ás rosas como elemento simbólico: son cultivadas de forma obsesiva por Carolyn (Annette Bening), Lester (kevin Spacey) fantasea con elas cada vez que pensa en Jane (Mena Suvari), decoran o comedor familiar… precisamente a “American Beauty” é unha variedade de rosa cultivada artificialmente para ter unha apariencia perfecta, e para conseguilo hai que sacrificar en moitas ocasións xermolos que medran ao seu redor: toda unha metáfora da sociedade americana que satiriza a película.

Estreamos o século XXI con Le fabuleux destin d’Amélie Poulain (2001), de Jean-Pierre Jeune, unha fermosísima historia, case como un conto, no que a protagonista decide que o seu obxectivo na vida vai ser mellorar a vida dos demais. Cunha estética deliciosa, uns escenarios fabulosos (Monmartre) e un argumento cheo de dozura, esta película foi ata 2012 o filme francés máis taquillero da historia.

E rematamos este percorrido con Sin City (2005), de Robert Rodríguez, Quentin Tarantino e Frank Miller, baseada nos cómics deste último:  a película recrea á perfección a estética, a atmosfera opriminte e violenta e o ritmo narrativo creados por Miller, case parece que as viñetas cobrasen vida… Acción e cine negro en estado puro!

3 de agosto de 2015 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.