Uns 300 artistas subirán ao escenario do IX Festival de Playback Centrovisión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Presentación do festival

Presentación do festival

Con nove edicións xa, Centrovisión convértese nun festival de referencia para os afecionados ó playback, xa que este fin de semá concentrará a máis de 2.000 persoas na AAVV San Salvador de Torneiros, entidade organizadora coa que colaboran a Comunidade de Montes e Man Común de Torneiros e o Concello de Porriño.

Precisamente, esta mesma mañá tiña lugar a presentación do mesmo no salón de plenos da Casa Consistorial de Porriño, coa presenza da alcaldesa Eva García da Torre; a presidenta da AAVV San Salvador de Torneiros, Patricia Pampillón; o xerente de Xquatro Espectáculos, Marcos Rodríguez; e representantes da Comunidade de Montes e Man Común de Torneiros, así como dalgúns grupos participantes no festival.

Eva García de la Torre agradecía o traballo que, a directiva da asociación veciñal e a comunidade de montes, veñen desenvolvendo ó longo deste tempo en favor dos seus veciños, “vexo nesta presentación unha boa ocasión de felicitar o esforzo que levan realizando, malia os poucos recursos cos que contan, é unha asociación moi activa que sempre trata de aportar diversas actividades ós porriñeses. O Concello do Porriño colabora con todas as Asociacións Veciñais e Culturais do municipio e, dende o novo goberno municipal, sempre se dará apoio a todas e cada unha delas. Entendo que a labor que realizan é fundamental para as parroquias, xa que moven numerosas e variadas actividades socioculturais de interese para os vecinos”.

Patricia Pampillón agradeceu as palabras da alcaldesa engadindo “espero retomar unha boa relación entre o Concello e a Asociación, algo ata o de agora prácticamente inexistente, esperando obter maiores beneficios para os vecinos”; unha vez dito isto avanzou algún dos detalles deste festival que se celebrará nas instalacións da AAVV de San Salvador de Torneiros, este sábado 4 de xullo a partir das 22.30 h.

Centrovisión contará con 300 participantes repartidos en grupos por categorías -A, de 0 a 12 anos; B, de 13 a 25 anos; e C, de 25 anos en diante- que exhibirán as súas coreografías, vestiarios e posta en escea. Os conxuntos de playback participantes son “Estrelas do Castelo” de C.C.D. Santa Eulalia e “Noite Meiga” de A.R.C. Guizán, de Mos; A.C. Xunco Parderrubias e C.C. S. Soutelo, de Salceda de Caselas; C.C. San Fins de Rebordáns, de Tui; “Pedramoura” de Os Penediños de Atios e “A Forna” de Budiño de Porriño. O grupo “Agarimo” da propia asociación, actuará a modo exhibición abrindo e pechando o evento.

Pampillón destacaba deste festival “a competitividad san” que existe entre os grupos de playback, destacando como exemplar a labor dos pais e dos propios participantes á hora de elaborar os seus propios escenarios, coreografías e vestiarios; “o que se vive este día sobre o escenario é un auténtico luxo, xa que se deixan a pel nas súas actuacións”.

Tamén quixo agradecer a colaboración da Policía Local e á concellería de Vías e Obras, pola previsión dunha circulación fluída e a creación dunha esperada rotonda que hoxe mesmo iniciaba a súa construción; haberá parking para todos, tanto ó redor da asociación como á altura de Lonza. Pero con todo, Patricia non quixo deixar atrás ós 60 voluntarios, dos cales a metade xa levan varios días traballando para que todo este correctamente.

O xerente de Xquatro, que xa será a terceira edición do festival na que traballa, engadía que “nesta ocasión montaranse dúas grandes pantallas e amplia luminaria que lustrarán aínda máis se cabe este espectáculo”.

Tanto Eva García da Torre como Patricia Pampillón, invitaron a todos os veciños a que se unan a gozar este sábado, a partir das 22.30 h, deste fabuloso espectáculo “porque todo o esforzo e empeño que veñen realizando, merece que teñan un numeroso público”, remataba a alcaldesa.

2 de xullo de 2015 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.