publicidade hoxe

Unanimidade do pleno para a concesión da primeira Medalla de Ouro do Concello a Conservas Calvo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O primeiro pleno ordinario do mandato saldouse o luns 27 de xullo con varios acordos unánimes por parte dos membros da corporación. Entre eles, un dos máis relevantes foi o da concesión da primeira Medalla de Ouro do Concello a Conservas Calvo, unha resolución que apoiaron todos os grupos da corporación e na que se resaltou a “unanimidade social” da proposta, tamén apoiada por 45 entidades sociais, culturais e deportivas do municipio. Á celebración da sesión acudiu o ex Alcalde de Carballo, Manuel Varela Rey, que quixo facer constar de maneira formal o seu apoio expreso para a concesión desta distinción, que, segundo explicou o Alcalde actual, Evencio Ferrero, é unha das dúas únicas mencións que ten realizado o Concello dende o momento da súa constitución hai 36 anos. A outra, foi o nomeamento de Alfredo Brañas como Fillo Ilustre de Carballo. Todos os presentes estiveron de acordo en que Conservas Calvo son uns “dignísimos merecedores” desta Medalla de Ouro. Outro dos acordos que recibiu o visto e prace unánime foi o convenio para a Integración do Concello de Carballo da Área de Transporte Metropolitano da Coruña. Despois da sinatura do acordo o pasado 18 de maio entre o Concello e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para facer posible a adhesión, agora queda pendente que a Xunta realice os trámites necesarios que permitan a emisión das tarxetas para que podan ser solicitadas polos interesados e interesadas e comecen a beneficiarse dos descontos.

Por último, todos os corporativos apoiaron a aprobación dun Estudo detalle relativo á parcela E-2 do parque empresarial de Bértoa para a implantación dunha nova empresa no polígono, Gallega de Mallas. Trátase dun trámite previo á construción das novas naves para que esta empresa, até o de agora no polígono de Sabón, se instale en Carballo cunhas instalacións duns 16.000 metros cadrados a través dun investimento que supera os 10 millóns de euros e que o Concello espera sexa moi beneficioso tanto para a vila como para o Parque Empresarial de Bértoa. A maioría dos asuntos restantes tratados na sesión tamén saíron adiante, aínda que non co apoio de todos os concelleiros. Entre eles, hai que subliñar o cambio de titularidade por mutación demanial subxectiva a favor do Concello de Carballo do tramo da estrada provincial DP-1905 de Carballo á Feira de Verdillo entre os puntos quilométricos 0,000 (na Praza de Galicia) e 0,540 (á altura da glorieta do Campo da Feira). Trátase dun paso necesario para poder emprender as obras de reurbanización da rúa Martín Herrera e da contorna da Igrexa parroquial, unha obra que está pendente tamén da cesión do espazo por parte do Arcebispado de Santiago. O punto recibiu os votos a favor de todos os grupos excepto de TEGA, que se abstivo.

Recoñecemento extraxudicial e Conta xeral

Entre os asuntos económicos, aprobouse cos votos a favor de BNG e PP e a abstención de TEGA e PSOE un Recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe de 7.505,31 euros referidos a 14 facturas pendentes de pago. Sería o terceiro recoñecemento aprobados en 2015 con un importe conxunto de 77.349,24 euros e sendo o máis baixo da serie histórica rexistrada. A rectificación do Inventario Municipal de Bens do Concello, que, a 31 de decembro de 2014, contaba con 18.497 bens por un valor de 267.190.686,88 euros, saíu adiante co apoio de todos os grupos excepto o PP, que se abstivo e tamén se aprobou, aínda que tampouco co acordo de todos os corporativos, a Conta Xeral do Concello de 2014, que xa ten superado todos os trámites, incluída a exposición pública. No apartado de urbanismo, a sesión supuxo a aprobación provisional dunha modificación puntual das normas subsidiarias vixentes para a construción das novas instalacións do Supermercado LIDL en Bértoa, cos votos a favor de BNG e PSOE, os votos en contra de TEGA e a abstención do PP. O obxectivo do trámite é o de modificar a ubicación do aproveitamento comercial da parcela.

Por último, no apartado de mocións, rexeitouse cos votos en contra de BNG e PP unha proposta presentada polo PSOE relativa á variante de Carballo. A proposta solicitaba a división do proxecto en dúas fases, que o Concello achegue o 20 por cento do investimento, excluídas as expropiacións e que se solicite que a obra sexa executada nas anualidades 2016 e 2017. O desacordo en varios dos puntos da iniciativa fixo que non saíse adiante. A sesión tamén supuxo a dación de conta de varios asuntos de trámite, como a designación dos membros das Comisións Informativas, a adaptación das dedicacións exclusivas, logo da renuncia de Xosé Regueira á súa ao asumir a área de Turismo, Cultura e Patrimonio na Deputación, ou o Informe de Intervención e Tesourería de medidas contra a morosidade relativo ao segundo trimestre de 2015, que reflicte que o Concello mantén unha media de pago de 27,67 días.

28 de xullo de 2015 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.